Avánzase cara novos usos do pazo liñares en consenso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+
Reunión dos voceiros

Reunión dos voceiros

Clima de diálogo nun ambiente cordial e distendido no que predominou unha boa sintonía e entendemento para chegar a puntos comúns acerca dos usos e posibles utilizacións do recén acabado de rehabilitar Pazo de Liñares. Así resume o voceiro do grupo de goberno, Román Rodríguez, o encontro mantido hoxe por espazo dunha hora cos responsables dos distintos grupos políticos municipais, Manuel González Aller, Xesús Cordeiro e Camilo Conde, unha xuntanza de voceiros que estivo presidida polo alcalde de Lalín, José Crespo.

Rodríguez González afirma que “houbo plena coincidencia por parte dos diferentes grupos políticos en que as utilidades que se lle dean a este edificio nobre se fagan con criterio, dotando ás instalacións de usos definidos e sostibles economicamente”.

Román Rodríguez sinala que “neste sentido expuxóselles aos grupos municipais, tras o uso contemplado para o Pazo dentro do programa Depodeza consistente en crear na ala este do edificio o primeiro laboratorio de investigación castrexa de Galicia, tamén o de poñer en marcha nel o Arquivo Histórico de Deza, un proxecto que estamos analizando co profesor lalinense e investigador Gonzalo Navaza, recompilando información do Bispado, dos concellos e de diferentes fontes documentais, tanto en soporte físico como nalgúns casos dixital”.

O voceiro do grupo de Goberno tamén anuncia que “na reunión tamén se comentou a posibilidade, avanzada polo alcalde, de que nos terreos colindantes ao Pazo se poda habilitar unha horta ecolóxica que se combinaría coa posta en marcha dunha aula da natureza e incluso se falou de que se estudaría detidamente a viabilidade de establecer no Pazo un punto de venda de produtos gastronómicos de calidade da comarca, artesanía, publicacións, etc.”.

Por último, Rodríguez González precisa que “a dotación de usos estará en todo caso vencellada á dispoñibilidade orzamentaria e económica de cada momento” e remarca que “nestes momentos existe consignación orzamentaria dentro do programa Depodeza para o laboratorio de investigación castrexa”.

“O obxectivo desta primeira xuntanza de voceiros, o de comezar a analizar unha proposta de usos definidos para Liñares, cumpriuse, no canto de que xa temos varias posibles utilidades enriba da mesa e de que houbo un clima de consenso”, subliña.

15 de marzo de 2013 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.