Aspaber, clasificada en primeiro lugar para a xestión do punto limpo
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha clasificará o luns as ofertas presentadas para a xestión das instalacións do punto limpo durante os próximos seis anos (catro prorrogables por outros dous máis) como un dos trámites previos á adxudicación do contrato.
O pasado martes a Mesa de Contratación valorou as ofertas, estando clasificada en primeiro lugar a presentada pola Asociación de Pais de Discapacitados Físicos de Bergantiños (ASPABER) por tratarse da máis beneficiosa para o Concello da Laracha.
A concesión da xestión do punto limpo da Laracha ten un orzamento total de 282.199,86 euros polos seis anos de duración do contrato e rexerase polo novo regulamento da instalación, cuxa aprobación definitiva será elevada ao Pleno ordinario da Corporación Municipal convocado para o mércores.
A empresa concesionaria, ademais de atender as propias instalacións situadas no Formigueiro, moi preto do casco urbano da Laracha, encargarase da xestión do material para a reciclaxe depositado nos colectores azuis de recollida selectiva papel e cartón. As melloras incluídas no novo regulamento son os servizos de recollida domiciliaria de voluminosos, a recollida de papel e cartón ao pé dos colectores (dirixido exclusivamente aos comerciantes) e a colocación de minipuntos limpos (recipientes para baterías ou pilas, por exemplo) nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión.











