As solicitudes de ingreso nas Escolas Infantís poden presentarse entre o 16 de marzo e o 3 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

A concellaría de Benestar Social, dirixida por Ignacio Iglesias, informa que o prazo para presentar as solicitudes de novo ingreso nas escolas infantís municipais será entre os días 16 de marzo e 3 de abril, ambos inclusive. Para tramitar esta petición debe entregarse a ficha de solicitude acompañada da documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello.

O prazo de admisión de solicitudes establécese segundo o artigo 5 do Regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís municipais. Normalmente este prazo coincide coa segunda quincena de marzo, mais como este ano hai varios festivos pola semana santa o peche do prazo retrásase ata o 3 de abril.

As solicitudes xa se poden descargar da web municipal así como recollelas nas oficinas de Servizos Sociais ou na Casa do Concello. As persoas que soliciten praza para o vindeiro curso 2013/14 e precisen solventar dúbidas poden informarse sobre este trámite nos Servizos Sociais de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas entre o 18 de marzo e o 3 de abril.

As persoas que tramiten as solicitudes para algún dos centros de Calo, Os Tilos ou A Ramallosa deben indicar o horario ou os servizos que precisen de comedor axustándose todo o posible ás necesidades reais. No impreso xa se indica a documentación que debe presentarse no Rexistro como a fotocopia do libro de familia, fotocopia do DNI, declaración da renda do ano 2011 entre outros.

Dende Benestar lémbrase que entre os requisitos que deben cumprir os solicitantes está que o/a menor teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso no centro e non ter cumpridos os 3 anos a 31 de decembro do ano no que se solicita praza. No caso de que o neno/a naza despois do prazo oficial de solicitude o pai/nai pode presentar a solicitude fóra de prazo. Esta solicitude valorarase na seguinte comisión de baremación que se convoque posterior á solicitude.

Despois de rematar o prazo de admisión o 3 de abril haberá un período de baremación e publicaranse unhas listaxes provisionais ó redor do 19 de abril que terán un período de subsanación de documentación. Unha vez publicadas de xeito definitivo abrirase o período de matriculación, previsiblemente na primeira quincena de xuño.

14 de marzo de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.