As participantes no curso “Muller e vida” recolleron os seus diplomas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da responsable do CIM (Centro de Información á Muller) Nieves Catañón, e da encargada de impartir a actividade, vén de entregar no Pazo da Cultura os diplomas do curso “Muller e vida”, de 18 horas de duración, que se desenvolveu dende primeiros deste mes con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un total de 30 mulleres do municipio participaron nesta iniciativa, que tivo lugar cada xoves no Pazo da Cultura e que afondou nos seguintes contidos: “Son unha muller e teño autoestima”, “Dereito civil, os meus dereitos”, “Dereito administrativo, as miñas relacións coas administracións”, “Relacións paterno-filiais, resolución de conflitos”, “Saúde sexual e enfermidades de transmisión sexual”, “Métodos anticonceptivos”, “Hábitos de vida saudable”, “Axudas saudables” e por último “Organización de compras e do fogar”. Así mesmo, todas elas asistiron ao Cinefórum no que se proxectou a película “Globos de agua” (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. Durante o acto, as mulleres aproveitaron para plantexarlle ao Alcalde algunha das súas necesidades, especialmente polas dificultades que atravesan a raíz da crise económica.

Hai que lembrar que o día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é unha data recoñecida polas Nacións Unidas. Neste día se lembra a loita da muller pola súa participación en prol da igualdade có home, na sociedade e na súa realización integral como persoa. A idea xurdiu ao final do século XIX en plena revolución industrial e tralo auxe do movemento obreiro. A comezos do século, moitas mulleres se incorporaron ao traballo nas fábricas nunhas condicións moi duras: longas xornadas laborais e salarios inferiores aos dos homes. A medida que as mulleres se incorporaban ao mundo laboral, era máis evidente que aquela situación non era xusta, e pouco a pouco, fóronse organizando. Desde eses primeiros anos, a celebración adquiriu unha nova dimensión mundial para as mulleres dos países desenvolvemento e dos que están en vías de desenvolvemento. O crecente movemento internacional da muller, reforzado polas Nacións Unidas mediante catro conferencias mundiais sobre a muller, contribuíu a que este día sexa un punto de converxencia das actividades coordinadas en favor dos dereitos da muller e a súa participación na vida política e económica. Os interesados e interesadas tamén poden descargar a Declaración Institucional do Concello de Carballo con motivo da celebración deste día nesta mesma nova.

21 de marzo de 2013 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.