As igrexas parroquiais de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía acollerán o ciclo de concertos de Pascua
A Semana Santa remata este ano en Vilagarcía cunha grande banda sonora a través do ciclo dos Concertos de Pascua que se desenvolverán durante tres fins de semana consecutivos en Carril, Vilaxoán e Vilagarcía. As igrexas parroquiais destas tres localidades serán o escenario no que actuarán Loli Crespo con Alejo Amoedo, a Coral Máximo Patiño de Vilaxoán e o Coro Liceo Vilagarcía, cada un dos cales fará de profeta na súa propia terra protagonizando o concerto da súa localidade.
Os Concertos de Pascua son unha iniciativa que se pon en marcha a través da colaboración entre os colectivos que protagonizan as actuación e coa colaboración da Concellería de Cultura e das respectivas parroquias, e que se enmarca dentro dos actos conmemorativos do Centenario a unión dos tres municipios. A entrada é libre e de balde.
31 de Marzo en Carril
O ciclo ábrese o día 31 de marzo, Domingo de Gloria, na igrexa de Santiago de Carril. Será a partir das 19:45 horas, xusto ao remate da misa de sete, cando dea comezo o recital que ofrecerá a soprano Loli Crespo co acompañamento ao piano de Alejo Amoedo, que interpretarán pezas de ópera, zarzuela e canción popular. O programa inclúe obras como Domine Deus, do Gloria de Antonio Vivaldi; Benedictus da Misa Brevis de Haydn; Ave María de Schubert; Os Teus Ollos, de Chané; Aureana do Sil, de Mompou; Aria Guiletta, de Bollini; La del Manojo de Rosas e La Tabernera del Puerto, de Sorozábal; O Mio Babbino Caro, de Puccini e Ay que Linda Moça; de E. Halfter.
6 de abril en Vilaxoán
A Coral Máximo Patiño collerá o testigo dos Concerto de Pascua o sábado 6 de abril co concerto que ofrecerá na igrexa de San Martín de Sobrán a partir das 20:30 horas. Baixo a dirección de Modesta Padín, a formación de Vilaxoán interpretará Canticorum, de G.F. Haendel; Onda ti, Noso Pai, de Os Irmandiños; Adorote Devorote, de Wagner; Lauda Sion, de T. de Aquino; O Salutaris, de L. Van Beethoven; Oye Piadoso, de Bortniasnski; Ave María, de T.L. de Victoria; Señor, me Cansa la Vida, de J.A. García; Panis Angelicus, de C. Franck; Ave María no Morro, de Herivelto Martins e Benedicat Vobis, de G.F. Haendel.
12 de abril en Vilagarcía
O colofón a esta primeira edición dos Concertos de Pascua porano os membros do Coro Liceo de Vilagarcía que actuarán na igrexa de Santa Baia de Arealonga o venres, 12 de abril, a partir das 20:30 horas. A formación que dirixe Margarita Guerra actuará co acompañamento ao órgano de Alejo Amoedo. Para a ocasión interpretarán para un programa composto pola Misa brevis St. Joanis de Deo, de F. J. Haydn; Cantata BWV nº 30, de J. S. Bach; a Cantata BWV 147- Coral, de J.S. Bach; La Forza del destino, de G. Verdi, na que intervirá Beatriz Vázquez como cantate solista; o Requiem KV626, de W. A. Mozar; o Requiem de A. Ll. Weeber e que interpretarán as sopranos Loli Crespo e Marian Rodríguez; e o Gloria en Sol M RV 589, de A. Vivaldi.











