As condicións de xubilación parcial do persoal laboral de Santiago manteranse ata 2019

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A concelleira Persoal, Amelia González, anunciou que as condicións para a xubilación parcial do persoal laboral municipal se manterán nos termos contidos no convenio colectivo ata 2019. Tras o acordo acadado coas representacións sindicais, o Concello acollerase deste xeito á posibilidade que ofrecía o Real Decreto-lei 5/2013, de 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo, de non aplicar as condicións deste en caso de consenso. O Real Decreto, que fixa nunha parte do seu articulado as condicións de xubilación parcial ata 2019, permitía respectar o pactado nos convenios colectivos de existir acordo entre as partes. Logrado este consenso, as condicións pactadas deberán ser comunicadas ao Instituto Nacional da Seguridade Social antes do 15 de abril.

A comunicación terá que incluír un listado dos traballadores que teñen a posibilidade de acollerse a esta xubilación parcial dende a actualidade ata o 2019. A falta de concretar esta lista, Amelia González estimou en 41 traballadores laborais os que se poderían acoller a esta figura. De feito, indicou, hai cinco empregados que xa teñen esta xubilación parcial.

Segundo explicou a concelleira, a principal diferenza entre o establecido no convenio colectivo e o disposto no Real Decreto é que o primeiro permite aos traballadores acollerse á xubilación parcial nunha porcentaxe do seu tempo de traballo de entre o 25 e o 75%, mentres que a norma estatal obriga a que a xubilación parcial sexa por un 50% do tempo. Cómpre lembrar que, para esa porcentaxe de tempo na que o empregado xubilado parcialmente deixa de prestar servizo, débese contratar outro traballador.

27 de marzo de 2013 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.