Ares colabora na campaña “Presume de praceira a e praceiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

O Concello de Ares colabora un ano máis na campaña “Presume de praceira e praceiro”, unha iniciativa que desenvolve a Dirección Xeral de Comercio. Dende onte e ata o 3 de maio, os clientes do mercado de abastos local recibirán un cupón por cada compra que realicen nesta superficie, a través do que pasarán a participar nos sorteos establecidos pola organización.

Dito cupón, que terá que ser cuberto cos datos persoais do consumidor ou consumidora, inclúe un apartado no que o cliente deberá indicar o número do seu praceiro ou praceira favorito, e será depositado na urna instalada no propio mercado. Unicamente serán válidos os cupóns nos que figure un so número de posto de praceira ou praceiro.

Os días 12 de abril e 3 de maio procederase á elección ao azar de tres cupóns no mercado de abastos local, que se corresponderán con tres clientes agraciados con cheques de compra desa quincena por valor de 75, 50 e 25 euros.

Os cheques, segundo informa a Dirección Xeral de Comercio, serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas compras que realicen as persoas agraciadas. A validez de ditos cheques rematará o 31 de maio.

O obxectivo desta campaña é o de dinamizar a actividade comercial dos mercados, ao tempo que se quere poñer en valor a calidade dos produtos que se venden nestes espazos e a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

19 de marzo de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.