Aquagest aplicará descontos na próxima factura aos veciños que estiveron sen auga potable
O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, confirma que Aquagest compensará os veciños/ás afectados pola incidencia de turbidez rexistrada a principios de mes, que durante algúns días impediu que a auga da zona de abastecemento do río Baleo fose apta para o consumo. A compañía aplicará unha rebaixa no próximo recibo para aqueles clientes que ao longo de varias xornadas careceron de auga potable.
Conforme ao requirimento realizado polo propio rexedor, tan pronto como se restableceu a subministración de auga potable, a empresa concesionaria do servizo municipal compensará economicamente aos veciños prexudicados polos problemas de turbidez do Baleo. A empresa reduciralles na próxima factura a parte correspondente ás xornadas nas que os clientes careceron de auga apta para beber e para usos alimentarios, tal e como rezaba o bando ditado polo alcalde a tarde do 28 de febreiro.
Evidentemente, a redución da cota a aboar afectará exclusivamente aos usuarios que residen nas parroquias de Ladrido, Espasante, Céltigos, Loiba, Mosteiro, Barbos Luhía, así como aos veciños que viven nos altos da Madalena e Cuiña.
Cabe recordar que a orixe do problema, estivo nunhas obras de talla, saca de madeira e movemento de terras no lugar de Rego Vello (Couzadoiro) que danaron un regato que desemboca no río Baleo, onde se realiza a captación para o abastecemento. As obras foron paralizadas de inmediato pola casa do concello que, en paralelo, abriu un expediente sancionador á empresa responsable da afectación ambiental.
A subministración restablecíase o martes 5 de marzo pola mañá, despois de que durante varias xornadas consecutivas as análises efectuadas á auga constatasen que os parámetros de turbidez volvían á normalidade, e unha vez purgado o depósito dende o que se abastece as poboacións citadas. A día de hoxe, os traballos de talla e saca de madeira causantes do problemas seguen parados cautelarmente.











