Aprobado un convenio entre Carballo e a Escola Universitaria de Turismo do Centro Español
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar un convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Escola Universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones adscrita á UDC (Universidade da Coruña) para a realización de prácticas de estudo. Durante as prácticas, o alumnado da Escola realizará tarefas de promoción territorial, de xestión de programas turísticos, de coñecemento de produto e información turística, de atención ao cliente/visitante e de recepción, así como traballos administrativos non prioritarios. A duración das prácticas é de catro meses e a titora será a Técnica de Información Turística do Concello de Carballo. No apartado de convenios, tamén saíu adiante un acordo entre a Deputación da Coruña e o Concello para o financiamento e posta en marcha de novos proxectos de servizos sociais, en concreto para a contratación das tarefas de definición e presentación dos proxectos “Carballo en movemento: fomento da mobilidade no proceso de formación da xuventude local” e “Voluntariado europeo para maiores” dentro dos programas “Lifelong learning: Leonardo da Vinci” e “Programa PAP:Grundtving”, respectivamente. A achega ascende a 13.000 euros e a vixencia do convenio é até o 31 de outubro de 2013.
A sesión supuxo, así mesmo, a autorización de seis vaos permanentes, nas rúas Lirios, Xallas, Amapola, Noia, Lagoa e Brasil; a aprobación de tres licenzas de primeira ocupación, dúas de elas para naves sen uso específico no Parque Empresarial de Bértoa; luz verde para dúas licenzas de obra e apertura correspondentes cun despacho de pan na rúa Fomento e unha clínica de Fisioterapia na rúa Ordes; e a aprobación de catro licenzas de obra, unha delas para unha demolición dunha vivenda e conxunto de edificacións anexas no lugar de Queo. Por último, no apartado de expedientes de contratación aprobouse unha modificación puntual do contrato administrativo da obra “Biblioteca de Carballo” ou os contratos para a “Asistencia técnica para o control, seguimento e auditoría externa do control de calidade dos servizos públicos de recollida de lixo, Punto Limpo e canceira municipal” e para a “Asistencia técnica á dirección de obra: Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)”.











