Aprázase a maio a I Carreira “Vicente Otero Valcárcel”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarralLocal
A-
A+

Onte xoves 21 de marzo, a falta de dous días para a realización da proba deportiva, o concello de Carral recibiu unha notificación da Consellería de Presidencia de la Xunta de Galicia na que se denegaba o permiso para a realización da Carreira Popular sobre a base dun informe da Dirección Xeral de Tráfico. A xustificación da DGT para esta suspensión ser refire ao operativo de seguridade vial da Operación Saída de Semana Santa.

Por iso, dende o Concello e o CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral, decidiu aprazar esta proba deportiva para o 25 de maio, anotándose xa nesta moitos dos corredores xa inscritos na proba suspendida.

Esta nova proba deportiva, complementaria á xa tradicional Carreira Popular de Carral organizada pola Asociación Xuvenil Mil e Pico, nace co dobre obxectivo de fomentar a práctica deportiva saudable e o de recadar fondos para a excursión de fin de curso dos alumnos de 6º de Primaria do centro educativo. Ademais, dende o departamento de educación física do Centro preténdese achegar o mundo da xestión e organización deportiva, aos alumnos de 6º que participarán no evento como colaboradores.

Os corredores dividiranse en 8 categorías en función das súas idades, que poderán abranguer dende os 3 anos en diante, variando a distancia do percorrido en función desta idade.. Así, os máis pequenos disputarán unha distancia aproximada de 50 metros; os benxamíns correrán xa os 400 metros; o circuíto das crías terá 900 metros; entre os 13 e os 21 anos correrán ao longo de 4.650 m e finalmente, as categorías absolutas terán que percorrer unha distancia de 10.410 m. Estes percorridos discorren entre estradas dos concellos de Carral e de Culleredo, transitando polos lugares de Carral, a Brexa, Vilamouro, Lodeiro, Folgueira-Castelo, Cabrois, Paleo, Os Chas e de novo Carral.

Os máis pequenos empezarán a correr ás 11.00 da mañá sucedéndose cada 15 minutos as seguintes categorías, ata chegar ás 12.30, momento no que está previsto que arranque a proba absoluta e o groso dos corredores.

Durante o transcurso das probas deportivas, as estradas estarán cortadas ao tránsito dos vehículos por voluntarios e a policía local e protección civil de ambos os dous concellos. Se espera que en 2 h as vías volvan estar operativas ao tráfico rodado.

Unha vez rematadas as carreiras pasaremos á entrega dos premios.

A inscrición seguen sendo 5 € que irán a beneficio da excursión dos nenos/ás de 6º de primaria do Centro Educativo, e para formalizala ou conseguir máis información, todos os interesados poden dirixirse ao Centro Deportivo de Carral, ao teléfono 981672580 ou ao correo electrónico deportes@concellocarral.com

22 de marzo de 2013 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.