Ana Granja incorpórase á corporación municipal como concelleira do PP no pleno do luns
A edil substitúe a Marta Rodríguez que renunciou a súa acta para dedicarse en exclusiva ao Parlamento
Delineante de profesión e con ampla experiencia no sector da construción, Granja leva dous anos militando no PP, colaborou de forma activa na última campaña electoral
Vilagarcía, 21 de marzo de 2013.- O grupo municipal do Partido Popular incorpora as súas filas no próximo Pleno a Ana Granja Otero que tomará posesión da súa acta de concelleira na sesión do luns, 25 de marzo. A nova edil ocupará a vacante deixada por Marta Rodríguez Arias tras renunciar á acta para dedicarse en exclusiva ao Parlamento Galego.
Ana Granja Otero naceu en Vilagarcía. Delineante de profesión, conta cunha ampla experiencia no sector da construción ao ter traballado durante toda a súa vida profesional en diversas empresas deste ramo, tanto na realización de obras civís, como estradas e todo tipo de obra pública. De feito, traballou como delineante, xefe de obra e encargada en firma como Gumersindo Rodríguez Eirea, Ediserpo ou Covsa, entre outras.
A nova concelleira milita no Partido Popular dende hai algo máis de dous anos. Forma parte da xunta directiva do PP local e participou de forma activa na última campaña electoral colaborando e realizando labores de asesoramento.
As funcións que asumirá a nova concelleira dentro do grupo de goberno determinaranse nos seguintes días a súa toma de posesións, por Decreto da Alcaldía, como establece o regulamento.











