Alumnas de FP e da universidade realizan prácticas no Concello
O Concello de San Sadurniño subscribiu convenios con tres institucións educativas de cara a que o seu alumnado poida realizar prácticas en distintos servizos municipais. Durante estes días comezarán a súa formación práctica tres alumnas da USC, do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e do IES Terra de Trasancos. O organismo municipal busca desta maneira contribuír na cualificación dos futuros profesionais e, por extensión, propiciar a creación de emprego e do emprendemento.
O Concello ten dous convenios coa Universidade de Santiago de Compostela. Grazas a un deles conta cunha estudante de Traballo Social que está a realizar as súas prácticas no departamento municipal de Servizos Sociais co obxectivo de coñecer cal é o seu traballo e aplicar de forma práctica os coñecementos que adquiriu na aula.
Por outra banda, o pasado día 22 de marzo o Concello rubricou cadanseu acordo co CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, de Ferrol, e co IES Terra de Trasancos, de Narón, para permitir a realización de prácticas de formación en centros de traballo.
A través do convenio co CIFP Rodolfo Ucha, desde o día 2 de abril e ata o mes de xuño unha alumna do ciclo de Guía, Información e Asistencias turísticas realizará as súas prácticas desenvolvendo tarefas de apoio na organización de eventos e na preparación de información turística do municipio.
O convenio co IES Terra de Trasancos tamén facilitaralle práticas a unha alumna do ciclo de Xestión administrativa durante os meses de abril, maio e xuño. Neste caso a alumna entrará en contacto directo coa xestión administrativa dun organismo local, tendo a oportunidade de aplicar os coñecementos que está a adquirir neste eido.











