Allariz comercializará xabóns artesanais a base de leite de burra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizLocalLocal Portada
A-
A+
Presentación dos xabóns

Presentación dos xabóns

A aldea de San Salvador dos Penedos ten mudado nos últimos anos o seu aspecto, despois da posta en marcha do proxecto de rehabilitación integral levado a cabo polo Concello de Allariz.

O proxecto de dinamización económica en San Salvador iniciouse coa rehabilitación de varias vivendas e palleiras abandonadas integradas no Centro Etnográfico – Turístico de San Salvador, que integra o etnográfico coa recuperación de accións artesanais, como a elaboración de xabón a través dun obradoiro; e o turístico coa creación dous apartamentos adaptados para persoas con minusvalía física.

Hoxe pola mañá, presentouse ante os medios de comunicación o inicio da comercialización do xabón elaborado con leite de burra de xeito artesanal. Cunha periodicidade semanal, estará á venda no Mercado da Reserva da Biosfera, tamén xa se iniciaron as xestións para a súa comercialización directa en establecementos locais así como a venda online.

Á presentación asistiron Francisco García, Alcalde de Allariz, Cristina Cid, Concelleira de Promoción Económica e David Lema, representante da Asociación Andrea, esta última é a encargada da elaboración do xabón no obradoiro, e na actualidade realiza na aldea de San Salvador asinoterapia con persoas en desvantaxe.

Francisco García destacou a importancia, nestes momentos de crise, de traballar en proxectos que faciliten desenvolvemento económico, e que o xabón se suma a outras iniciativas exitosas postas en marcha nos últimos anos como o queixo do Rexo, a cervexa, o leite ecolóxico ou os afamados amendoados de Allariz.

O xabón comercializarase coa marca Xabón D’Allariz e está elaborado con pasta base natural, mateca de karité, aromas e cunha pequena porcentaxe de leite de burra, e na actualidade trabállanse dúas modalidades, o natural e unha liña bio para peles sensibles, indicadas incluso para recén nacidos.

26 de marzo de 2013 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.