AGA e San Sadurniño ofrecen dous cursos apícolas durante a primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A Asociación Galega de Apicultura ten preparadas dúas accións formativas para os meses de abril e maio que nos descubrirán ao completo o mundo das abellas. O primeiro curso centrarase na especialización apícola e no control sanitario, mentres que o segundo será de iniciación. Para a xente de San Sadurniño os cursos serán gratuítos e xa se poden facer as inscricións.

Os sábados 13, 20 e 27 de abril desenvolverase o curso de especialización, que consta de teoría e práctica. O veterinario Gonzalo Calvo falará sobre as enfermidades máis habituais das colmeas, sobre como previlas e, no caso de que se produzan, tamén de como tratalas. Ademais tamén se repasarán as principais novidades do Plan apícola deste ano, que supón importantes vantaxes para os propietarios de apiarios.

Pola súa banda, o técnico e criador de raíñas Marcos Varela explicará os segredos da reprodución das abellas así como as técnicas para recoller enxames naturais, dividir colonias ou facer unha selección axeitada deste pequeno gando.

Para inscribirse neste curso especializado hai que chamar á sede central da AGA, no 981 508 142. As persoas que non sexan socias da entidade terán que pagar 40 € de taxas. Porén, os veciños de Narón e San Sadurniño -cos que AGA ten suscritos convenios- non terán que pagar nada.

Os aspectos teóricos impartiranse no local da Gandeira, ao carón do local social da AVV Rosa dos Ventos de Sedes (Narón) en horario de 10.30 a 13.30h. Pola tarde, das 16 ás 19.00h., faranse as prácticas no colmear didáctico situado ao pé do centro de día ou ben no dalgún dos asistentes ao curso.

Curso de iniciación

A AGA-Ferrolterra tamén programou para os sábados 5, 12, 19 e 26 de maio un curso de iniciación á apicultura que nos mostrará de que maneira benefician as abellas á natureza e de que maneira podemos axudarnos delas. Os organizadores animan a participar no curso asegurando que é moi sinxelo manter unha pequena alvariza ecolóxica e que con dúas colmeas son suficientes para abastecer de mel a unha familia durante un ano.

Serán 32 horas de teoría e práctica, aínda que se pretende prolongar a actividade até o outono cadrando coas tarefas propias que require un apiario. Os dous primeiros días ocuparanse dos principios básicos e da reprodución. O terceiro sábado de maio dedicarase á saúde das abellas e o día 26 as clases centraranse na elaboración e comercialización dos produtos apícolas.

As inscricións haberá que facelas nos teléfonos da delegación da AGA na comarca, o 981 320 798 e 661 378 960, ou enviando un correo electrónico a dagaferrol@apiculturagalega.org. As persoas que non sexan socias da AGA terán que pagar 40 euros de matrícula. De novo, para os veciños de San Sadurniño a actividade será gratuíta.

Este curso de iniciación tamén se desenvolverá en Sedes en horario de 10 a 14 h. para a teoría e de 16 a 20 para a práctica. A acción formativa impartiraa o equipo técnico de AGA – Ferrolterra.

22 de marzo de 2013 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.