AFAL entrega os diplomas aos participantes no curso de Coidador Sociosanitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagres Prieto Gondell, presidiu esta tarde o acto de entrega de diplomas do Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Un total de 25 alumnos completaron con éxito a súa participación nesta acción formativa promovida pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias nas súas instalacións da rúa Río Castro.
A través deste, os participantes adquiriron a información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o papel de coidador. Ademais, o curso buscaba tamén mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios.

Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso contou cun equipo docente integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Sofía Bellón (psicóloga), Alba Romeiro (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Iria Abad (traballadora social), Jesús Victoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira). De 30 horas de duración, estaba estructurado en dous módulos formativos e neles tratáronse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso. Recentemente, o Sergas declaraba este curso de AFAL de interese sociosanitario, de modo que agora a acción formativa puntúa de cara á obtención do certificado de profesionalidade.

8 de marzo de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.