Adxudicadas as obras de mellora de rúas e camiños na capital e parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar os contratos de obra de tres actuacións incluídas no Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, “Unha Deputación para todos os concellos”. En primeiro lugar, Construcciones López Cao SL realizará os traballos de “Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo” por un prezo de adxudicación de 134.310 euros (con IVE) sobre un prezo de licitación de 149.513,02 euros e cun prazo de execución previsto de tres meses a contar dende o día seguinte á firma da acta de comprobación e replantexamento. En segundo, Construcciones Ramón Vázquez y Reino asumirá o contrato administrativo de obras de “Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Rus, Artes, Bértoa (na imaxe), Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo do Concello de Carballo” por un prezo de adxudicación de 74.620,70 euros (con IVE) sobre un prezo de licitación de 91.001,5 euros. O prazo de execución neste caso tamén é de tres meses. Por último, a Xunta de Goberno dou luz verde á adxudicación, tamén a Construcciones Ramón Vázquez y Reino, do contrato administrativo de obras de “Mellora da rede de saneamento nas parroquias de Ardaña e Rus”. O prezo de adxudicación é de 74.052 euros (con IVE), sobre un valor estimado de contrato de 92.586,85 euros. Neste caso, o prazo de execución segue a ser de tres meses.

A sesión supuxo, así mesmo, a aprobación do programa da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para o primeiro semestre de 2013, no que se inclúen varias actuacións do programa Venres Culturais, que comeza a primeiros de abril, e de Primavera enDanza, que se desenvolverá durante o mes de maio, programas que tamén recibiron o visto e prace durante a Xunta de Goberno. Serán un total de 15 actuacións no Pazo da Cultura entre as dúas iniciativas, con presenza de teatro, música e baile para todos os públicos. Por último, a sesión supuxo a concesión dunha licenza de obra e dunha licenza de primeira ocupación, mentres que no apartado de expedientes de contratación aprobouse o contrato administrativo do servizo de “Actualización da cartografía informatizada a E:1/5000 (HAS 15379) e E:1/2000 dos núcleos rurais incorporados no documento de aprobación inicial do PXOM do Concello de Carballo”; o expediente do contrato administrativo de subministro “Deseño, construción, decoración e montaxe dun punto de información para o apoio ao turismo de congresos no Fórum Carballo”; e o expediente do contrato administrativo de subministro “Elaboración dun punto de información móbil” para os recursos turísticos do Concello.

25 de marzo de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.