Adestradores do BBC, Arousa Fútbol 7 e Sqem participan no II Seminario de Primeiros Auxilios
O pavillón multiusos de Fexdega acolle esta tarde o segundo seminario de sobre Primeiros Auxilios no Ámbito do Deporte organizado pola Fundación Municipal de Deportes no marco do Plan de Formación do Deporte Local. Na xornada participarán adestradores de equipos base do club de baloncesto BBC, do Arousa Fútbol 7 e do club de trial Sqem. A sesión teórico-práctica será impartida por persoal titulado do Servizo Municipal de Emerxencias.
Coa organización deste seminario de Primeiros Auxilios no Ámbito Deportivo, o organismo que preside Elena Suárez, segue avanzando na mellora da formación e profesionalización dos técnicos dos clubs de Vilagarcía, á vez que se incide na seguridade dos deportistas mediante a posta a disposición dos adestradores dos coñecementos e ferramentas precisas para poder atender en primeira instancia e con garantías calquera accidente ou lesión que poidan sufrir os seus xogadores, especialmente nos adestramentos ou en competicións nas que non se conta con equipo médico presencial e nas que, en caso de emerxencia, tense que esperar a súa chegada.
Cada curso terá unha duración de tres horas que se dividirán en tempos iguais entre a parte teórica e a práctica. O programa abordará aspectos e técnicas de moito interese e moi útiles como as técnicas de soporte vital básico e atención de politraumatismos. No primeiro apartado trataranse de forma teórico e tamén práctica aspectos como o protocolo de Parada Cardio respiratoria (PCR), a posición lateral de seguridade, a permeabilidade da vía aérea, a colocación de cánulas de guedel, a técnica do boca a boca e a utilización de desfibriladores. En relación aos politraumatismos trataranse as diferentes técnicas de inmobilización dos pacientes en función dio tipo de lesión.











