Acordo coa anpa do Ceip “Xesús Golmar” para continuar co espazo infantil aberto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

A concelleira de Benestar, Paz Pérez, informa que “despois de diversas conversas e encontros mantidos ao longo da última semana, se alcanzou un acordo coa Anpa “Agro de Abaixo” do CEIP Xesús Golmar para que as familias cuxos nenos/as eran usuarios do Espazo Infantil Aberto (EIA), poidan seguir beneficiándose deste servizo, que desenvolverá e xestionará a Anpa do dito colexio”.

Paz Pérez agradece “á Anpa, especialmente á súa presidenta, Elena Buceta, así como á dirección do centro representada por Mª Jesús Froiz, a súa colaboración e dispoñibilidade para chegar a este acordo que posibilitará seguir prestando o servizo de EIA, e ademais no mesmo edificio no que se viña desenvolvendo a dita actividade -xa que a Anpa ten un servizo de conciliación da vida familiar e laboral “Volvoreta” que se dá nas mesmas instalacións que o EIA-, o que garante a cobertura ás familias lalinenses que viñan facendo uso del e ademais coa comodidade de que sexan no mesmo sitio que se viña prestando”.

A responsable municipal salienta que “en base ao acordo alcanzado hoxe coa Anpa, a dirección do centro accedeu á posibilidade de integrar aos/ás nenos/as doutros centros educativos no servizo “Volvoreta” situado nas instalacións do CEIP Xesús Golmar e dar servizo durante a Semana Santa aos usuarios do EIA que o precisen”.

“Este acordo -precisa Paz Pérez- farase oficial coa próxima sinatura dun convenio de colaboración entre Concello e Anpa, pero queremos agradecer a cooperación amosada desde o primeiro momento á dita asociación para chegar a unha solución negociada e beneficiosa para todos/as, polo que quero novamente dar as grazas á dirección do centro, remarca.

A xestión do servizo recaerá integramente na Anpa “Agro de Abaixo” e o prezo do servizo é o prezo de “Volvoreta”, isto é, 1,25 euros/hora. A Anpa comeza a partir de hoxe os trámites de admisión de alumnos novos no servizo de “Volvoreta”, así como a redacción dun convenio Concello-Anpa, acordo cuxo contido tamén se lle dará traslado á dirección do centro.

O Espazo Infantil Aberto (EIA) é un servizo que foi posto en marcha polo Concello de Lalín, a través da Oficina de Igualdade, e que atende a menores de 3 a 12 anos en horario extraescolar e períodos non lectivos, para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. No momento actual (marzo de 2013), conta con 31 menores (pertencentes a 20 familias). As súas idades oscilan entre os 3 e os 12 anos, concentrándose o maior número de nenas e nenos no treito de idade de 3 a 9.

21 de marzo de 2013 | 20:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.