Acordadas as accións a desenvolver dentro do Plan Local polo emprego nos próximos dous anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Negreira no pacto local de emgrego

Negreira no pacto local de emprego

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presidiu esta mañá a Comisión de Dirección do Pacto Local polo Emprego na que se aprobou a integración de cinco novas entidades: Asociación Down Coruña, Fundación Juan Soñador, Fundación Ronsel, Federación de asociacións de familiares e enfermos mentais (Feafe) e Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (Ugacota). Ademais, na sesión celebrada hoxe aprobouse de xeito definitivo o Plan de Acción do Pacto Local polo Emprego, que se desenvolverá entre 2013 e 2015. Tal e como explicou o alcalde “neste Plan defínense as estratexias de creación de emprego que, coordinadas entre as entidades sociais e económicas máis representativas da cidade, poñeranse en marcha durante os próximos dous anos”.

Carlos Negreira subliñou a importancia de que tanto administración local, autonómica, sindicatos, empresarios, universidade e asociacións do terceiro sector se dean a man a favor dun interese que permita avanzar na xeración de emprego, e na busca de oportunidades laborais para os cidadáns. “A colaboración, a coordinación, o traballo en rede e a suma de esforzos resultan claves á hora de xestionar as políticas activas de emprego da cidade”, engadiu Carlos Negreira.

En canto aos obxectivos que se propón cumprir o Plan de Acción do Pacto Local polo Emprego encóntranse os seguintes:

– Optimizar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo, especialmente daqueles colectivos como son mozos entre 18 e 25 anos, mulleres sen formación, persoas en situación de exclusión social e en desemprego de longa duración, sobre todo maiores de 45 anos.

– Desenvolver as actuacións necesarias para conseguir superar os desaxustes, tanto no ámbito da formación, coma da actualización no manexo de instrumentos ou técnicas que axuden ao desempeño da actividade laboral.

– Promover, apoiar e divulgar o espírito emprendedor daquelas persoas que desexan crear unha empresa, así como actualizar ou redeseñar as formulacións e obxectivos das empresas que desexan renovarse para seguir competindo no mercado.

– Poñer en marcha actuacións para empresas, con especial incidencia no comercio local, que contribúa á súa consolidación, estabilidade e avance permanente.

– Promover elementos de transversalidad nos programas de fomento de emprego e de promoción económica, entendendo como tales aqueles que permiten unha maior incidencia na corrección de desigualdades existentes no mercado laboral.

A través deste Plan de Acción, a área de Emprego e Empresa colabora na implantación das políticas activas de emprego, competencia da Xunta de Galicia, facilitando información sobre a busca activa de emprego, desenvolvendo formación ocupacional profesional a persoas desempregadas da cidade, e realizando proxectos propios, en colaboración con outras administracións ou apoiando iniciativas privadas, para a promoción económica e a promoción do emprego na cidade.

Para o desenvolvemento das políticas de emprego na Coruña, a Área de Emprego e Empresa desenvolverá sete eixes principais de actuación:

1. Información e orientación laboral a persoas desempregadas
2. Promoción de emprego
3. Participación en iniciativas supramunicipais e proxectos europeos
4. Difusión da cultura emprendedora
5. Promoción da actividade comercial
6. Apoio á creación e á consolidación de PEME e proxectos de autoemprego
7. Fomento da Igualdade de oportunidades e da non discriminación social.

No marco do Pacto Local polo Emprego, as entidades socias xa empezaron a impartir accións prelaborais, formación ocupacional e prácticas en empresas, adecuadas ás necesidades dos diferentes colectivos, especialmente aos que teñen maiores dificultades para a súa inserción laboral.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña, como entidade socia do Pacto finalizou o estudo técnico sobre ‘Necesidades de innovación para a mellora da competitividade e a creación de emprego’. Ao longo de 2013 abordará outro ‘Oportunidades de emprego e desenvolvemento económico sostible’.

A coordinación e cooperación como claves
O Pacto Local polo Emprego da cidade da Coruña constituíuse no marco do proxecto Rede Coruña Emprega II, cofinanciado polo Fondo Social Europeo o 16 maio de 2012. O seu obxectivo é promover a coordinación e cooperación entre o Goberno Local, a Xunta de Galicia, entidades sindicais, organizacións empresariais, Universidade da Coruña e outras de carácter social, baseándose no compromiso a favor do emprego, a concertación social, o impulso das novas tecnoloxías, a innovación e a calidade.

O Pacto Local polo Emprego supón por parte de todas as entidades integrantes un compromiso co futuro do emprego da cidadanía da Coruña. A través do traballo conxunto, as accións que se poñan en marcha beneficiarán a un amplísimo abano de colectivos, posibilitando a mobilización de todos os recursos dispoñibles na cidade para conseguir unha maior eficiencia e eficacia nos servizos de emprego.

En canto ás entidades integrantes do Pacto Local polo Emprego, son as seguintes:
– Concello da Coruña, a través da Área de Emprego e Empresa
– Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia.
– Cruz Vermella Española
– Cáritas Interparroquial da Coruña
– Confederación Galega de Persoas con Minusvalidez (COGAMI)
– Federación de Asociacións a favor de persoas con minusvalidez intelectual de Galicia (FADEMGA)
– Fundación Mulleres
– Entidades de axuda á Migración: Ecos do Sur, Equus Zebra e Ecodesenvolvemento Gaia.
– Asociación Down Coruña
– Fundación Juan Soñador
– Fundación Ronsel
– FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais)
– Comisións Obreiras (CCOO)
– Unión Xeral de Traballadores (UGT)
– Cámara de Comercio da Coruña
– Confederación de Empresarios Da coruña
– Federación de Empresarias de Galicia
– Federación de Autónomos de Galicia.
– Novacaixagalicia
– Unión de cooperativas de traballo asociado (UGACOTA)
– Universidade da Coruña

18 de marzo de 2013 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.