“aCadaCanto” chega o 6 de abril a Oleiros
O Auditorio Gabriel García Márquez acollerá o sábado 6 de abril, ás 20.30 horas, o espectáculo “aCadaCanto” no que un gran elenco musical como é Guillerme Fernández, Guadi Galego, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero ofrecerá un concerto enmarcado na música de autor e que evocará ás grandes formacións musicais, dende Os Beatles ata Os Gaiteiros de Soutelo.
“aCadaCanto” é a nova aposta destas catro xa figuras da nosa música que coinciden nes cadrado con catro puntas en que se tece un traballo compacto e cunha liña estética definida.
Confesan que “aCadaCanto” naceu nunha conversa nun descanso do concerto de Fuxan os Ventos en Ourense, en que os catro participaban. Ao cadrar uns con outros, decidiron cadrar de vez os catro xuntos e naceu así este cuarteto.
O concerto deste cuarteto terá unha duración de 70 minutos e as entradas poñeranse á venda a partires das 19.30 horas ata completar aforo. O prezo é de 2.50 euros.











