Ábrese o prazo do “programa para coidadores/as non profesionais de persoas dependentes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

Os concelleiros responsables das Áreas de Economía e Benestar Social do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos e Rosa Martínez Beceiro, respectivamente, presentaron esta mañá  o “III Programa de atención, apoio e formación dirixido a coidadores e coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia”. A iniciativa forma parte do Programa Urban, enfocado para os barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena; e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O proxecto xorde pola gran demanda existente neste campo non  profesional e o alto nivel de satisfacción dos participantes nos programas que ven desenrolando o Programa Urban dentro deste ámbito. “Nas dúas edicións anteriores a avaliación dos alumnos foi de un grao de satisfacción moi alto” salientou a edil de Benestar Social. A iniciativa está dirixida a coidadores/as non profesionais e proporcionará dúas liñas de actuación. A primeira, proporcionará ao coidador/a desenvolver  actividades de atención, apoio e formación; mentres que a segunda, enfocarase á persoa dependente facilitando gratuitamente unha persoa que o coide de maneira profesional.

Os obradoiros comezarán o 15 de abril na Casa Solidaria, situada na rúa Velázquez nº 44, e terán unha duración de 60 horas, distribuídas en tres sesións de dúas horas en horario de 11:00 a 13:00 horas dende o 15 de abril ata o 28 de xuño. Un máximo de 15 persoas serán as destinatarias desta iniciativa sendo preferente que pertenzan á Zona Urban -Ferrol Vello, Canido e A Magdalena- e que coiden persoas dependentes nos seus fogares.

O prazo de inscrición para estes obradoiros e servizos de axuda gratuítos estará aberto dende mañá mércores ata o vindeiro 11 de abril -ambos incluídos-. As solicitudes serán presentadas na Oficina do Programa Urban Ferrol situado na Casa Solidaria 5º planta- Rúa Velázquez nº 44; para máis información poderán chamar ao teléfono 981 94 42 79 ou a través da páxina web www.ferrol.es/urban.

O obxectivo deste proxecto é facilitar coñecementos básicos ás persoas coidadoras non profesionais para mellorar os coidados sociosanitarios das persoas en situación de dependencia e dotalos de técnicas e estratexias para potencias o autocoidado persoal.

Contido

En canto ao contido do programa, os participantes abordarán diferentes bloques formativos:

I.- FORMACIÓN INICIAL (40 horas)

– Desenvolvemento persoal da persoa coidadora (papel e medidas hixiénico sanitarias do coidador ou coidadora non profesional; e grupos de autoaxuda e axuda mutua)

– Competencias e habilidades para o coidado (coidados básicos, que poderán variar en función das características do grupo; coidados sanitarios; e coidado psicosocial)

– Recursos existentes e xeración de redes sociais (información sobre o sistema para a autonomía e atención á dependencia e información sobre recursos sociais)

II.- FORMACIÓN ESPECÍFICA (20 horas)

Esta fase da formación, poderá conter, en función das necesidades do coidar/a, un ou máis dos seguintes contidos:

– Dependencia derivada da enfermidade física.

– Dependencia derivada da enfermidade mental grave.

– Dependencia derivada de discapacidade física ou sensorial.

– Dependencia derivada de discapacidade psíquica e intelectual.

26 de marzo de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.