Aberto o prazo para inscribirse no concurso de traxes medievais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte de Lemos convoca o II concurso de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos da XI Feira Medieval o día 30 de marzo de 2013.

O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar a cidadanía e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Para participar no concurso de traxes medievais é necesario inscribirse oficialmente. As solicitudes de inscrición, que poden atopalas na web www.monfortedelemos.es (na área de cultura ou no “banner” dedicado á Feira Medieval)  presentaranse no Rexistro Xeral do concello de Monforte ata o mércores día 27 de marzo, podendo inscribirse tamén o propio día 30 de marzo no punto de información habilitado na Praza de España en horario de 11:00 a 13:00h.

As modalidades do concurso de traxes son individual, parellas e grupos (a partir de 5 compoñentes) nas categorías de adultos e infantil (ata 12 anos). O diñeiro que o Concello destinará a premios é de 875 € para a categoría de adultos e de 550 € para a infantil.

Na primeira edición deste concurso participaron 5 grupos, 4 parellas e 13 persoas individuais na categoría de adultos, mentres que na categoría infantil concursaron 7 rapaces na modalidade individual.

Os/as participantes no concurso concentraranse na Praza de España, onde estará situado o xurado, ás 17:00h do sábado 30 de marzo e, dende alí, sairán en desfile por diferentes rúas monfortinas.

Os criterios a valorar por parte do xurado son os seguintes:  realización artesanal dos traxes, a súa elaboración, a riqueza en complementos, a posta en escena e o seu rigor histórico. Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.

O xurado do concurso estará composto por diferentes comerciantes do sector téxtil e representantes de asociacións ou colectivos relacionados coa vida monfortina.

A decisión do xurado farase pública o mesmo día da Feira Medieval ás 19:00h.

Para coñecer as bases pinche aquí.

17 de marzo de 2013 | 00:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.