Abegondo leva a pleno a ordenanza que regulará a execución dos ámbitos do PXOM
O Concello de Abegondo celebra mañá, mércores 20 de marzo, desde as 13.30 horas, a sesión ordinaria do pleno da corporación. Entre os
diferentes puntos incluídos na orde do día, destaca a importancia da aprobación da ordenanza para a redacción de proxectos de urbanización, control das obras e recepción destas polo Concello de Abegondo, imprescindible tras a entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O obxecto desta ordenanza é fixar uns criterios técnicos e económicos mínimos que sirvan de base para a redacción dos proxectos de urbanización, co fin de executar os ámbitos de planeamento de desenvolvemento previstos no PXOM. Ademais tamén regulará aquelas obras ordinarias de urbanización necesarias para completar os servizos urbanísticos e acondicionar o viario público en solos urbanos e de núcleo rural, tanto por parte de particulares como da propia administración.
Os proxectos de urbanización redactaranse incluíndo a totalidade das obras que se van realizar, tales como estradas, firmes e pavimentos, infraestruturas de servizos urbanísticos (así como as súas conexións exteriores), acondicionamento básico das zonas verdes e dotación básica de mobiliario urbano. A ordenanza trata de describir as calidades mínimas e dotacións básicas que hai que incorporar nos proxectos de urbanización ou obras ordinarias.
Así mesmo, a ordenanza pretende fixar o nivel de control que deberá realizarse, dos materiais e instalación nestas obras, para que posteriormente poidan ser recibidas polo Concello. Estes criterios técnicos serán complementarios dos que por razóns de
tramitación ante outros organismos sexa necesarios realizar na redacción dos proxectos.
Así, o texto que propón o Concello aborda as características de todos os elementos susceptibles de desenvolvemento nin ámbito, desde infraestruturas coma estradas, rúas e roteiros, ata as redes de saneamento e abastecemento, a iluminación ou as zonas verdes.
Por exemplo, a ordenanza proposta regula que como norma xeral, procurarase que a pendente das pistas de bicicletas en zonas urbanas non supere o 5%; que a superficie destinada á plantación de especies vexetais autóctonas será en todo caso superior ao 60% do total nos parques infantís; ou as especies a plantar nas zonas verdes.
Recoñecemento de créditos
O pleno debaterá tamén unha proposta de recoñecemento extraxudicial de créditos, necesario dado que consta a existencia de facturas presentadas por diversas empresas, corresponden a traballos pasados, e que se atopan pendentes de recoñecemento.
O expediente é dun importe de 268.489,13 euros. A maioría das facturas que se inclúen neste recoñecemento foron presentadas a principios de 2013 e se refiren a traballos de finais de 2012, polo que cómpre o seu recoñecemento. É o caso, por exemplo, da facturación de decembro de 2012 de Fenosa (41.000 euros) ou o mantemento de parques e xardíns de ese mesmo mes de decembro (6.000 euros), as
de maior valor deste grupo.
O outro grupo de facturas foron presentadas en 2012 e referidas a traballos tamén xa realizados. As de maior valor son as da reforma do centro social de San Tirso (O Salón) (40.000 euros), a de Fenosa de outubro de 2012 (40.000 euros) ou a redacción do Plan Xeral (78.000 euros).
En todos os casos trátanse de servizos efectivamente realizados polos emisores das facturas polo que o Concello aposta por efectuar os pagos evitando retrasos para as empresas.
Ademais, o Concello leva a pleno a aprobación da ordenanza reguladora do rexistro municipal de asociacións, o que propiciará o fomento do asociacionismo e unha modificación da ordenanza reguladora procedemento de intervención na execución de obras, actividades ou servizos, que ten por obxecto a regulación do procedemento de intervención e control que establece o Concello de Abegondo nos casos de execución de obras ou de prestación e exercicio de actividades dentro do término municipal.











