publicidade hoxe

Abegondo celebra a Día da Árbore plantando castiñeiros na futura área recreativa de Beche

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal
A-
A+
Plantación da árbore

Plantación da árbore

O Concello de Abegondo celebrou no mediodía de hoxe a Día da Árbore cunha plantación de castiñeiros xunto ao encoro de Beche. Un
grupo de voluntarios, acompañados do alcalde, José Antonio Santiso, e o xerente do GDR Mariñas-Betanzos, Jorge Blanco, foron os encargados da plantación.

Os castiñeiros botarán raíces na futura área recreativa de Beche, que o Concello creará nas vindeiras datas, co financiamento da Xunta de Galicia. Estas árbores formarán parte da zona arborada do espazo, que poderá conferir a sombra desexada para os usuarios. “Hoxe facemos esta plantación, coa ilusión de que estes castiñeiros se convertan en pequenos soutos cheos de vida e dos que poidamos gozar no futuro”,
expresou Santiso.

No acto, o primeiro edil deu lectura ao Manifesto das Administracións Locais, no que resaltou os beneficios ambientais que producen as árbores, coma a fixación do dióxido de carbono. “Reteñen o solo fronte á erosión, depuran a auga dos nosos ríos, abastécennos de madeira, froitos ou cogomelos, crean ecosistemas e espazos onde os animais silvestres poden vivir e refuxiarse, regulan a temperatura ambiental dándonos sombra en verán e protección no inverno, alégrannos e reláxannos coa súa beleza, cambiando as súas cores e creando paisaxes diversos ao longo do ano, entre moitas outras función”, indicou.

Esta plantación foi impulsada polo GDR Mariñas-Betanzos nos seus 18 concellos membro. Co acto reforzouse tamén a candidatura a reserva da biosfera que promove o GDR. “Queremos mandar unha mensaxe de aposta polo mantemento da biodiversidade, pola conservación dos seus valores ambientais e culturais, por un desenvolvemento social e económico harmónico e respectuoso co medio, e comprometidos na loita contra o cambio climático”, afirmou Santiso.

Na plantación colaboraron axentes forestais do Distrito Forestal II de Betanzos. A Consellería de Medio Rural aportou as árbores. Plantáronse 10 castiñeiros en Beche e 30 en Vizoño, nunha parcela municipal.

21 de marzo de 2013 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.