A V Carreira Popular Concello de Monforte bate record de participación
A V Carreira Popular Concello de Monforte celebrarase este domingo, día 3 de marzo, coa participación dun total de 978 corredores/as entre as categorías menores e absoluta, 211 máis que na edición do ano 2012 no que a cifra total foi de 767 atletas nestas categorías.
A carreira para as categorías menores, con tres distancias diferentes segundo a idade dos/das corredores/as, comezará ás 11:05 h. coa participación de 359 atletas, 159 máis que na IV edición da proba onde a participación foi de 200 atletas.
O circuíto das probas para as categorías menores localizarase na zona da Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure.
A carreira absoluta, que comezará ás 12:00 h. sobre unha distancia de sete quilómetros, rexistrará a participación de 619 atletas, 52 máis que no 2012 onde correron 567 atletas.
O percorrido comeza na liña de saída, fronte ó bar Cristal, e continúa por Paseo de Lugo – rúa Carude – estrada de Sober ata a Escola Taller onde se fai un xiro de 180 º e se volve pola estrada de Sober dirección San Lázaro – Rúa San Lázaro – Rúa Reboredo – Rúa Dalmiro de la Válgoma – Rúa Escultor Francisco Moure e novamente liña de saída, así ata completar dúas voltas ó percorrido e rematar na liña de meta ubicada na Praza da Compañía.
A maiores destes atletas, estímase que os nenos e nenas que participarán na categoría “biberón” serán a redor de 50 corredores, xa que na pasada edición foron 54 os nenos e nenas inscritos nesta categoría. Os/as participantes nesta categoría deberán inscribirse xusto antes do comezo da súa proba, que se iniciará ás 11:00 h.
O número de corredores/as que toman parte nesta proba vai incrementando conforme se suceden as diferentes edicións.
A Carreira conta coa colaboración de Coca Cola e Xoiería Camilo, e o patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e do GDR Ribeira Sacra.
A Policía Local efectuará cortes parciais e temporais das rúas segundo as necesidades da carreira e o discorrer da mesma, intentando que a proba atlética interfira na menor medida posible sobre a circulación do tráfico rodado na cidade e garantindo, en todo momento, a seguridade dos atletas participantes.
Dende o Concello invítase á cidadanía a presenzar esta importante proba atlética e a animar a tódolos atletas que tomen parte nela.











