A Torre de Hércules iluminarase de verde esmeralda para conmemorar o día de San Patricio
A Torre de Hércules rescata as raíces celtas de A Coruña e celebra con Irlanda a súa festa nacional en honor a San Patricio para conmemorar o santo patrón xunto aos miles de irlandeses que celebran este importante día por todo o mundo. Para iso, durante a tarde do sábado 16 e a primeira hora do domingo 17 de marzo, o faro coruñés iluminarase de verde, a cor que se converteu en símbolo nacional da illa Esmeralda.
O vínculo da Torre de Hércules con Irlanda ten a súa orixe no Libro das Invasións, unha recompilación de lendas irlandesas realizada no século XII. Segundo a lenda, Breogán, fillo de Brath, foi o caudillo celta que someteu ás tribos de España e, tras conquistar todo o territorio, fundou a cidade de Brigantia e, xunto a ela, construíu a Torre de Breogán. Á súa morte, o seu fillo sucesor Ith, ao ver dende o alto da torre as terras de Irlanda, partiu para a súa conquista, pero morreu no empeño e o seu corpo enterrouse en Brigantia.
A iluminación da Torre de Hércules comezará ás 19.30 horas do sábado e manterase ata as 01.00 horas do domingo, día de San Patricio. O pazo de comunicacións de Madrid, o castelo e o pobo de Moraira na Costa Branca alicantina e os concellos de Pamplona e Salamanca son os outros enclaves que se suman en España a esta iniciativa e que se iluminarán de verde simultáneamente en honor a San Patricio.
Este ano tamén se unirán por primeira vez a esta conmemoración as Pirámides de Giza e a esfinxe en Exipto, o Cristo Redentor de Río de Janeiro, a Sirenita de Copenhaguen, o sinal de Benvida de Las Vegas, o Allianz Arena de Múnic, o HMS Belfast en Londres, o Concello de Houston, Texas, a Cidadela de Xordania e a Escola Internacional de Bonn. Ademais, outros importantes monumentos e atraccións de todo o mundo repetirán a experiencia, como a Ópera de Sydney; as cataratas do Niágara; a Torre de Pisa; o Empire State Building de Nova York; o Burj Al Arab, en Dubai; a Table Mountain, en Sudáfrica; e o Sky Tower de Auckland; así como varios edificios emblemáticos de Irlanda, como o Trinity College e a catedral de Christchurch.











