A Torre da Homenaxe pode visitarse as fins de semana e os días festivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

Dende a pasada fin de semana a Torre da Homenaxe pode visitase os sábados, domingos e festivos en horario matinal e vespertino.

O horario de visita é de 11:00 a 13:00 horas pola mañá  e de 16:00 a 18:30 horas pola tarde. O prezo da entrada para acceder a este monumento é de 1,55 euros por persoa, realizándose descontos para grupos con máis de 20 integrantes.

Nas datas de Semana Santa ampliarase tanto o horario como os días de visita. Neste período de vacacións a Torre da Homenaxe abrirá ó público os días 28, 29, 30 e 31 de marzo (de xoves a domingo), en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde.

O Concello tamén ofrece a oportunidade de visitar a Torre fóra destes días e horarios, para o cal resulta necesario formar un grupo de máis de 10 persoas e solicitar cita para a visita chamando ó teléfono do Concello (982-40-25-01).

Lembramos que, ademais de coñecer o propio edificio histórico, na Torre da Homenaxe pódese ver unha exposición permanente que nos adentra no mundo medieval e nos achega á vida destes séculos.

A exposición fai un percorrido pola Idade Media, os seus costumes, estamentos sociais, procesos históricos e protagonistas, nun tempo no que Monforte de Lemos ocupou un papel de enorme relevancia na historia de Galicia.

Nos paneis nos que se explica a historia medieval de Monforte e Galicia, tamén poden verse reproducidos documentos de gran valor para Monforte, como o Privilexio del Rey Alfonso XI no que se lle concede Monforte a Don Pedro Fernández de Castro, ou o nomenamento dun alcalde no século XIV por Fernán Ruíz de Castro.

Dende a delegación de turismo estímase que a visita á Torre da Homenaxe realízase nun tempo aproximado de entre 20 e 30 minutos, polo que se recomenda iniciar a mesma media hora antes do horario de peche.

15 de marzo de 2013 | 10:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.