A reunión entre Cambre, Oleiros e Culleredo celébrase mañá
O goberno local de Cambre, convocou aos concellos de Culleredo e Oleiros para mañá mércores 20 coa intención de tratar a posibilidade de buscar unha fórmula ou consorcio para os servizos municipais de Emerxencias e Protección Civil. Actualmente, tanto Cambre, coma Culleredo e Oleiros garanten este dereito da cidadanía pero non o fan durante as 24 horas do día debido ao alto custo que supoñería dotar de máis medios tantos materiais como persoais un servizo como este.
A proposta que trasladará Cambre aos responsables de Culleredo e Oleiros consistirá pois en buscar unha fórmula de colaboración que este servizo se preste de forma conxunta por estes tres concellos, xuntando os medios materiais e humanos dos que dispoñen. Nestes momentos Cambre conta con cinco axentes de Protección Civil (4 axentes e un xefe), Oleiros con sete axentes (6 axentes e un xefe) e Culleredo conta con cinco axentes (4 axentes e un xefe). Están citados os concelleiros de Seguridade Cidadá destes concellos e os responsables de Protección Civil.
A Lei de Administración Pública de Galicia obriga os concellos de máis de 20.000 habitantes a ter un servizo de Protección Civil e de Prevención e Extinción de Incendios. Así mesmo, a Lei de Emerxencias de Galicia obriga aos municipios de máis de 20.000 habitantes a prestar un servizo de Protección Civil e Actuación Inicial (Primeira Intervención) ante calquera situación de emerxencia as 24 horas do día durante os 365 días do ano.
Un dos primeiros puntos a tratar na reunión deberá ser a fórmula legal para levar a cabo este servizo, ademais da xefatura deste, ou a situación operativa da base, así como a achega económica de cada un dos integrantes no posible consorcio. Actualmente, o parque comarcal, situado en Arteixo, presta servizo entre outros a estes tres concellos, e aínda que os servizos municipais se crearon para garantir unha intervención rápida, actualmente ningún deles esta prestando este servizos de emerxencias durante lasa 24 horas do día.
O obxectivo é que o tempo de resposta sexa en todos os casos inferior aos 20 minutos en calquera dos case 150 quilómetros cadrados que abranguen os tres municipios e que xuntos contan cunha poboación estimada de preto de 90.000 habitantes. Nun primeiro encontro, fixado para o día 24 deste mesmo mes, convocouse aos concelleiros competentes en materia de seguridade cidadá e os respectivos coordinadores dos servizos de emerxencias destes tres concellos.











