A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTeo
A-
A+

Teo acollerá unha das cinco xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. O Concello, socio da entidade, será mañá venres 22 de marzo o anfitrión deste encontro que reúne ao persoal técnico das Administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poderán implementar ao longo de 2013. A cita será ás 10.30 horas no salón de plenos.

Entre o 19 e o 22 de marzo desenvólvense estas xuntanzas nos Concellos de Ourense, Rendondela e Teo, e mais nas Deputacións de Lugo e A Coruña. A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen Administración socias. Cada quen escolle a cal reunión acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos locais.

Nestes foros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego infórmalles sobre a andaina da asociación. Pónselles ao día en cuestións coma os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que coa súa colaboración se realizan en países coma Nicaragua, Honduras, Cuba e India. Faise especial fincapé nas actividades que se poñen a disposición das Deputacións e Concellos socios para sensibilizar a prol dun mundo máis xusto: exposicións, contacontos, programas de voluntariado internacional, ciclos de cine, etc. Os obradoiros de radio coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e as sesións de comercio xusto con Amarante Setem son as novidades do presente exercicio.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

21 de marzo de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.