A próxima semana comezan as obras de equipamento e urbanización exterior do pavillón de deportes

Pavillón reformado
O Alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez informou que a Deputación Provincial contratou xa as obras de equipamento e urbanización exterior do Pavillón de Deportes de ponte Caldelas, co obxectivo de que en 2 meses poida xa entrar en funcionamento.
Esta actuación, que foi incluída polo Alcalde no Plan de Investimentos da Deputación, contempla por un lado o equipamento deportivo do pavillón: canastras, portarías, bancos, rede de tenis, asentos para a bancada, marcador electrónico, equipo de megafonía e bancos e percheiros para os vestiarios.
Por outro lado tamén considera este proxecto o soterramento das liñas eléctricas que actualmente están na fachada co traslado do cadro eléctrico ao interior, así como a conexión eléctrica do recinto. Tamén se contempla o revestimento dunha parte da edificación anexa para manter unha imaxe homoxénea da fachada do pavillón. Ademais acondicionarase a beirarrúa da fachada frontal coa instalación de canalizacións para pluviais, todo iso co obxectivo de que o pavillón e o seu ámbito teñan unha imaxe renovada.
Hai que recordar que xa concluíron as obras de reforma integral deste pavillón que foron financiadas pola Xunta a través da Secretaría Xeral para ou Deporte en virtude dun convenio asinado en decembro de 2010 polo Alcalde Perfecto Rodríguez con José Ramón Lete que supuxo un investimento de 900.000 €.
As obras consistiron na reforma integral do pavillón que actualmente ten unha imaxe totalmente renovada. Para a súa posta en funcionamento era necesario complementar esa actuación co equipamento do pavillón e coas actuacións no ámbito e na fachada.
Perfecto Rodríguez espera que antes do verán xa se poida inaugurar o pavillón totalmente renovado. O atraso nestas últimas actuacións débese á tramitación administrativa do expediente de contratación deste proxecto. “Aínda que me tivese gustado ter o pavillón preparado a principios de ano, o certo é que ás veces os trámites administrativos supoñen un atraso para a execución destas obras complementarias. O importante é que ponte Caldelas vai dispoñer dun pavillón de deportes totalmente remodelado, despois dun grande investimento realizado a pesar da crise económica,”.











