A programación do Auditorio Municipal de Ribadumia mestura en marzo danza, teatro e música
O Concello de Ribadumia mestura este mes danza, teatro e música na programación do Auditorio Municipal Santa Baia. Os Amigos do Acordeón Rías Baixas ofrecen un concerto este domingo, ás 19.00 horas, con entrada libre. Ao igual que nos meses anteriores, o Concello de Ribadumia fai un importante esforzo para ofrecer actuacións culturais todas as fins de semana no Auditorio, sempre con entrada gratuíta e na que se priman as actuacións de asociacións e grupos da comarca. Deste xeito, este espacio cultural convértese no escenario referente a través do que amosar todo o seu traballo.
Os Amigos do Acordeón Rías Baixas xúntanse coa intención de experimentar un xeito diferente de interpretar a música do acordeón. Son de distintos lugares da comarca, e case todos eles forman parte doutras agrupacións. Por medio deste grupo acadan unha nova experiencia musical e gozan da amizade e da verdadeira convivencia. Dende o seu comezo, este grupo de acordeonistas ten feito concertos nos auditorios de Cambados, O Ferrol, Narón… e Ribadumia
Como antesala á Semana Santa, o domingo 24 a compañía de Teatro Enxebre, do Grove, representará no escenario ribadumiense “Tress”, unha obra de Juan Carlos Rubio e adaptado por Juan Sendino.
Xa o domingo 31, pechará a programación de marzo o Club Social e Deportivo BTroula. Presenta o espectáculo de baile “A inspiración dos dez”, unha obra musical baseada na orixe dos dexz bailes de salón que actualmente se practican nas competicións de baile deportivo nas súas modalidades estándar e latino: vals inglés, tango, vals vienés, slowfox, quickstep, samba, chachacha, rumba-bolero, pasodobre e jive. Durante a representación combínase o baile deportivo, tal e como se coñece, e unha interpretación persoal da súa orixe.
Por outra banda, desde o Concello de Ribadumia xa se está ultimando a programación dos meses de abril e maio, que se presentará nos vindeiros días e se remitirá a cada fogar de Ribadumia, co obxectivo de que todos os veciños coñezan as propostas culturais das que poden gozar no propio concello.











