A programación cultural do Auditorio de Ribadumia conta con espectáculos para todos os públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia comeza a repartir entre a poboación do municipio a nova programación cultural do Auditorio Santa Baia para os meses de abril e maio, que conta con espectáculos para todos os públicos. Tras o paso do club social e deportivo BTroula o domingo 31 polo escenario ribadumiense, co seu espectáculo de danza “A inspiración dos dez”, iniciarase a programación cultural do segundo trimestre do ano, que volve a apostar por combinar diferentes expresións culturais, grupos máis consolidados con novas propostas e con espectáculos para nenos e maiores.

O club social e deportivo BTroula pecha este domingo a programación de marzo, co espectáculo de baile “A inspiración dos dez”. Comezará ás 19.00 horas e a entrada é gratuíta. Trátase dunha obra musical baseada na orixe dos dez bailes de salón que actualmente se practican nas competicións de baile deportivo nas súas modalidades estándar e latino: vals inglés, tango, vals vienés, slowfox, quickstep, samba, chachacha, rumba-bolero, pasodobre e jive. Durante a representación combínase o baile deportivo, tal e como se coñece, e unha interpretación persoal da súa orixe.

O novo programa, que xa se está repartindo entre cada un dos fogares de Ribadumia, estréase o domingo 7 de abril co concerto de piano de Ana Belén Rodríguez. Esta pianista de Mos, mestra de piano en varias academias e escolas de música, volve a Ribadumia para atrapar ao público co seu novo repertorio musical.

O 14 de abril, será quenda da Pequena Gran Compañía, que trae ata Ribadumia o seu novo espectáculo “Inmigrante”. Este novo performance resume a través da música, a literatura, a danza e a imaxe o sentir de todas aquelas persoas que dunha forma ou doutra foron protagonistas da inmensa aventura que é a migración.

A Gala benéfica de ópera e zarzuela a favor da AECC será o domingo día 21. Actuarán o coro da Escola de Música de Meaño, o Coro San Pedro de Cornazo, o baritono Jacobo Rubianes e a soprano Marina Penas. Os pianistas acompañantes serán Goretti Domínguez e Miguel Costas. As entradas, que teñen un custo de 3 euros, venderanse nos concellos de Ribadumia e de Meaño a partir do 8 de abril, ou no Auditorio Municipal desde unha hora antes da gala.

Para os máis pequenos da casa chega o sábado 27 o musical A nena e o grilo nun barquiño, unha proposta familiar con melodías e textos do coñecido artista Magín Blanco. Un día despois será quenda da compañía de teatro Avelaíña, que porá en escena a obra “María Castaña”.

A programación de maio a inaugurarán Roi Casal e Silvia Ferre. Tras o éxito do seu primeiro traballo en solitario, Roi Casal volve ao primeiro plano do panorama musical galego con Maxicamente vello, un traballo que demostra que a música en galego non ten que ser necesariamente folk. Quen si aposta polo folclore galego é Madia Leva, cantareiras de Meis, que estarán en Ribadumia o domingo 12.

O venres 17 conmemorarase o Día das letras galegas coa representación teatral de “A vida… en rosa”, a cargo de Teatro da Zarabándula, e posteriormente entregaranse os premios do I Concurso de relato Curto Concello de Ribadumia, dirixido para o alumnado de secundaria do municipio.

Un día despois, a Escola de Danza Municipal de Ribadumia terá o seu festival de fin de curso, onde o alumnado amosará algunhas das pezas de jazz, baile moderno e hiphop aprendidas durante o curso. A programación a pechará a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, o domingo 20, co seu tradicional concerto das Letras Galegas.

27 de marzo de 2013 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.