A Praza de Abastos e o campo da feira centraron a reunión coa directora xeral de Comercio
O alcalde de Monforte entrevistouse esta mañá coa directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, encontro xestionado polo propio conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a raíz da entrevista que mantivera co Alcalde o pasado día 25 de febreiro.
Severino Rodríguez expúxolle á directora xeral de Comercio o proxecto que se está desenvolvendo na Praza de Abastos, solicitándolle apoio para potenciar os “Mercados de Monforte” e a propia actividade da praza, unha actividade que contribúe á dinamización do comercio local.
O Alcalde tamén lle deu a coñecer a idea que baralla o goberno local para o campo da feira de Monforte. Trátase de recuperar ese espazo co obxecto de mellorar a feira pero tamén para dedicalo a outro tipo de actividades de gran formato.
Sol María Vázquez mostrouse receptiva ás peticións do Alcalde, comprometéndose a manter un contacto permanente e a traballar conxuntamente co Concello. A directora xeral de Comercio tamén expresou boa disposición para colaborar económicamente con estas cuestións a través das liñas de axuda da Xunta de Galicia, xa que ambas encaixan dentro das prioridades do seu departamento.











