A Praza de Abastos de Ribadumia participa na nova edición de “Este inverno presume de praceiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

A Praza de Abastos Municipal de Ribadumia confirma a súa participación nunha nova edición da campaña “Este inverno presume de praceiro”. Así, a partir do luns día 18, os clientes poderán participar elixindo ao mellor praceiro, en función tanto da calidade do produto que ofrece como da súa profesionalidade e do seu trato diario.

Esta iniciativa está destinada a promover os mercados; incentivar o consumo dos produtos frescos e destacar a súa calidade; resaltar e poñer en valor a profesionalidade dos praceiros; e implicar aos clientes no recoñecemento e valoración dos mercados. A campaña desenvolverase en dos quendas. A primeira será do 18 de marzo ao 12 de abril e a segunda, do 13 de abril ao 3 de maio. Por cada compra que o cliente realice na praza de abastos nalgún destes períodos, recibirá un cupón para participar, por unha banda, no sorteo de vales de compra para cambiar no propio mercado, e por outra, para votar ao seu praceiro favorito. Repartiranse premios de 75, 50 e 25 euros en bonos para consumir na propia praza, axudando a promover o consumo nas prazas de abastos. O mellor praceiro ou praceira de cada mercado sairá do reconto de todos os votos recibidos, e os elixidos serán recoñecidos e homenaxeados publicamente nun acto oficial. Os sorteos, que serán presenciais, realizaranse os días 13 de abril e 3 de maio na propia Praza de Abastos.

A Praza de Abastos de Ribadumia conta con puntos de venda de peixería, hortalizas, froita, flores e zapateiro. A concelleira de promoción económica e social de Ribadumia, Sonia Garanger, trasladouse ata a instalación municipal para informar ás praceiras do inicio da campaña.

6 de marzo de 2013 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.