A Praza de Abastos de A Ponte estará a disposición dos cidadáns antes de rematar o 2013
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, a concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, e o concelleiro de Comercio, José Carlos Martínez Pedrayo, visitaron esta mañá o barrio da Ponte, con motivo das obras de rehabilitación da Praza de Abastos número dous, que porán en valor o potencial do mercado municipal. Os membros da corporación municipal estiveron acompañados por un dos arquitectos do equipo redactor do proxecto, Alfredo Freixedo, que explicou en detalle o transcurso das obras.
Así, e cumprindo co prazo previsto inicialmente de 22 meses desde o comezo da obra -a principios de 2012-, os veciños poderán ter á súa disposición as renovadas instalacións da Praza antes do remate deste ano 2013, xa que o prazo estimado de finalización da obra é durante o mes de novembro.
O único cambio do proxecto -sen modificación económica- afectará ao soto da praza, que aumentará uns 100 m2 con respecto ao proxecto orixinal, o que permitirá un maior espazo para bodegas dos postos do mercado. Este modificado compénsase cun cambio no pavimento da planta baixa, no que se substituirá o granito por un grés porcelánico compacto antideslizante e con menos porosidade.
A reforma porá en valor o edificio, mantendo o seu uso e adaptándoo ás necesidades actuais. Os accesos serán mellorados -suprimindo as barreiras arquitectónicas-, e as distintas plantas serán relacionadas mediante un ascensor. O total da superficie útil do edificio é de 1.308 m2, dos 1.633 m2 de superficie construída.
Primeira Planta (sala de exposicións, sala de usos múltiples, biblioteca, biblioteca infantil e patio): optimizarase a superficie dispoñible, ocupando parte do patio e facilitando o acceso. Racionalizarase o emprego da biblioteca e as dependencias da Asociación de Veciños, redistribuíndo funcións que estaban entremezcladas. As distintas áreas circundan o patio para nenos, ao que se accederá a través da biblioteca infantil.
Entreplanta: conexión entre a planta baixa e a planta primeira, solucionando o acceso principal á primeira planta.
Planta baixa (mercado e área de degustación): Estructúrase o espazo cunha dotación de postos de venda de produto fresco que acolla aos actuais, e se prevén postos de reserva para unha posterior ampliación, con servizos que revitalicen o espazo. Créase un espazo que será aproveitado como área de degustación.
Semisoto: aseos, limpeza e outras instalacións -electricidade, comunicacións, etc.-, con acceso directo dende a rúa Mercado.
Fachadas: restituiranse os ocos orixinais, con carpintería de madeira. A alzada ao parque modifícase na parte central, eliminando a cuberta do patio e a escaleira de acceso. Resólvese cun peche de vidro sobre carpintería metálica na parte superior, resaltando a tipoloxía orixinal de planta en U. No referido á carpintería de aluminio, se transformará a madeira de castaño.
Convenio entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Ourense
O proxecto de rehabilitación da Praza de Abastos da Ponte realízase a través dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Concello, cun orzamento de dous millóns de euros. A empresa TRAGSA está executando o proxecto, que foi redactado por “Oikos Estudio, S.L.P.”.











