A policía local pon en marcha un dispositivo especial de tráfico durante a Semana Santa
O Concello de Ares, a través da súa Policía Local, porá un ano máis en marcha un dispositivo especial co gallo da celebración da Semana Santa, que en Ares ten unha especial tradición e participación cidadá.
Deste xeito, os días nos que se celebren os actos relixiosos destas datas adoptaranse unha serie de medidas que afectarán, fundamentalmente, ao estacionamento e ao tráfico rodado por algunhas das vías da vila co obxecto, precisamente, de facilitar o normal desenvolvemento dos mesmos.
As medidas especiais de Semana Santa comezarán o vindeiro domingo, o de Ramos. Con motivo da procesión prohibirase o estacionamento de toda clase de vehículos entre as 14.00 e as 19.30 horas na praza da Igrexa, rúa Real –treito comprendido entre a paraza da Igrexa e a rúa Xuncal-, rúa Xuncal e María –entre rúa Xuncal e o “Gran Barato”-.
O Martes, día 26, terá lugar un Vía Crucis con saída da praza da Igrexa e percorrido pola rúa Real, María, cruce do bazar “Moncho” e regreso pola rúa Real ata a praza da Igrexa. Por esta razón, nestas rúas, entre as 20.00 e as 22.30 horas, estará cortado o tráfico para toda clase de vehículos, así como prohibido o estacionamento.
Na xornada do Xoves Santo celebraranse dúas procesións, polo que estará cortado o tráfico ao paso das mesmas e tamén o estacionamento entre as 16.00 e as 00.00 horas. Nesta ocasión, as rúas afectadas serán a praza da Igrexa, a rúa Real (entre a praza da Igrexa e a rúa Xuncal), Xuncal e rúa María (entre Xuncal e o “Gran Barato”).
Unha das principais xornadas será, un ano máis, a do Venres Santo. Durante as diferentes procesións, tanto durante a mañá como pola tarde, prohibirase a circulación de vehículos, ademais de non permitir aparcar entre as 08.00 e as 00.00 na praza da Igrexa, rúa Real (entre a praza da Igrexa e a rúa Xuncal), Xuncal e rúa María (dende a rúa Xuncal ata o “Gran Barato”).
O Sábado 30 pecharase o tráfico e prohibirase o estacionamento na praza da Igrexa entre as 21.00 e as 00.00 horas.
Finalmente, o Domingo de Resurrección prohibirase a circulación mentres se celebra a procesión (entre as 10.30 e as 12.15 horas, aproximadamente), aínda que estará permitido o estacionamento. Neste espazo de tempo non se permitirá a incorporación á circulación dos vehículos estacionados no treito comprendido entre a igrexa parroquial, rúa Real, avenida de Mugardos, rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida Tucho Vilasánchez ata a igrexa de Lubre.
A Policía Local pide a comprensión e colaboración cidadá para garantir que os actos relixiosos da Semana Santa, de fondo arraigo en Ares, se desenvolvan con normalidade.











