A Policía Local leva a cabo unha campaña de control de velocidade en todo o municipio
O pasado fin de semana, axentes da Policía Local de Cambre imputaron varios condutores por conducir presuntamente baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
Unha das actuacións produciuse o venres pola noite, ao ser alertados por unha patrulla da Garda Civil do posto principal de Cambre de que un condutor podía estar a conducir baixo os efectos do alcohol. Tras realizar a proba correspondente esta deu positiva, momento en que se lle imputou un delito contra a seguridade vial, sendo denunciado ao Xulgado de Garda da Coruña por medio dun Xuízo Rápido.
Así mesmo, axentes locais realizando tarefas de seguridade pola zona do Tempero foron requiridos por un condutor que tivera unha discusión con outro condutor de turismo por unha manobra antirreglamentaria deste último. Cando os propios axentes identificaron o condutor infractor observaron que podía estar a conducir baixo a influencia do alcohol, motivo polo que o someteron ás probas de alcoholemia, dando resultado positivo; dáse a circunstancia que este último condutor levaba no turismo a un bebé de 2 anos de idade. Por este motivo tramitáronse tamén dilixencias ao Xulgado de Garda para un Xuízo Rápido por un presunto delito contra a Seguridade Vial.
Noutra orde de cousas, esta Policía Local realizou días pasados unha campaña de control de velocidade no termo municipal instalando un vehiculo radar nas zonas próximas ás poboacións e nas inmediacións dos pasos de peóns, denunciando varios vehículos que circulaban con exceso de velocidade; dáse a circunstancia que se sorprendeu a un vehiculo circulando por un paso de peóns (zona limitada a 50 km/h) a 102 quilómetros por hora. Proximamente, realizarase outra campaña no mesmo sentido para garantir o cumprimento das normas e moi especialmente para protexer os peóns dentro da zona urbana.











