A poda dos plátanos da estrada da Estación obriga a cortar o vial a partir de mañá
Debido á poda das árbores da C/ Estación, esta vía será cortada á circulación durante as noites dos días 14,15 e 16 en horario de 22.00 a 7.00 horas. Para iso a Policía local organizou un dispositivo de tráfico para alertar os condutores do corte nocturno que terá lugar a partir de mañá. Segundo a empresa que se encarga da poda, trátase de realizar o traballo na franxa horaria que menos prexuízos causan aos veciños polo escaso fluxo de vehículo que se produce a esas horas.
Por outro lado, o alcalde de Cambre, Manuel Rivas, pide desculpas aos veciños polas molestias que causarán as máquinas ao paso polas vivendas anexas á estrada Cambre- Os Campóns. “Entendo que se molesten polos ruídos pero a poda é necesaria e por seguridade debe levarse a cabo a estas horas”, apunta o alcalde. A policía colocará carteis e paneis informativos nos cortes para que os condutores saiban por onde deben dirixir os seus vehículos. O corte producirase dende Cambre ata a Estación ferroviaria e polo tanto colocarase sinalización na rotonda do centro de Cambre no acceso á estrada do centro de saúde (agás para os pacientes), á altura de C/ Estación n.º 2 e tras pasar o acceso cara a C/ W.F. Flórez (lateral do colexio) valos amarelos cortando totalmente a circulación. Ademais, na rotonda próxima ao Hostal Alba (Os Campós), na Pista do Souto ( Sigrás) fronte escola de música sinal de ” paso prohibido” na C/ Estación e na C/ Estación á altura de Urb. Arrigada, tras pasar a estación de FFCC con valos amarelos cortando totalmente a circulación.
Debido a que a poda vai de abaixo cara a arriba, os valos do corte total iranse subindo, acoutando a zona de traballo para facilitar a entrada aos terreos particulares. Para aqueles veciños que soliciten maior información o tel da policía local é o seguinte 981 675533.
A poda das case 160 árbores cualificadas como Ben de Interese Cultural que bordean a estrada que vai dende a igrexa de Cambre ata a Estación comezou o pasado venres. A Deputación Provincial da Coruña obtivo a autorización do departamento xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, un permiso necesario para proceder á poda destes plátanos. Dúas semanas durarán estes traballos de poda que os veciños levan esperando dende xa tempo cando solicitaron ao alcalde que fixera o posible para que a Deputación encargará estes traballos de forma urxente, xa que é o ente provincial o responsable do vial. O recorte desas árbores adoita producirse cada dous anos aínda que neste caso hai exemplares que levan sen ser podados varios anos polo que o goberno local agradece a Deputación que se contratasen por fin estas actuacións que mellorarán a seguridade vial desta estrada e o paso dos peóns.











