A OMIC consegue a devolución de case 200.000 euros aos consumidores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Luisa Cid na presentación da memoria

Luisa Cid na presentación da memoria

O Tenente de Alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou esta mañá a memoria da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), na que se recollen todas as actividades que se levaron a cabo ao longo de 2012 e na que se inclúen a atención de consultas, tramitación de reclamacións e actividades de educación en materia de consumo. Durante a presentación da memoria, Cid resaltou o incremento de consultas e reclamacións que se produciron nos últimos cinco anos cifrado nun 48,6% e un 88,5%, respectivamente.

Ao longo de 2012, a OMIC recibiu un total de 27.718 consultas, un 25% máis que en 2011. Destas, 1.664 derivaron en reclamacións, experimentando un incremento do 24% con respecto ao ano anterior. Tal e como especificou Cid, “o aumento no volume de consultas está motivado, principalmente, na demanda de información xurdida polas reclamacións en materia bancaria”. O valor total das reclamacións presentadas foi de 9.612.178 euros das que 9.059.602 euros foron de participacións preferentes e obrigas subordinadas. Realizouse mediación por un total de 522.899 euros dos que se resolveron favorablemente 187.652 euros que foron devoltos aos consumidores o que supón que se resolveron un 36% do importe total reclamado.

Durante o ano pasado a policía realizou 44 actuacións entre actas e informes de servizo, por carecer de follas de reclamación e de carteis anunciadores.

Consultas e reclamacións por sectores

No que respecta a consultas, o sector servizos foi o que máis demanda de información xerou cun total de 25.011 consultas, o 90,2% do total. A información sobre sistemas bancarios é a que máis se demandou cun total de 5.750 consultas (21%), seguido da telefonía móbil con 5.430 (20%); electricidade, con 2.658 (10%) e transporte aéreo con 2.632 (10%). No sector produtos, con 2.707 consultas realizadas consolídase a tendencia de anos anteriores cos teléfonos móbiles e os produtos informáticos como os que máis número de conflitos xeran entre os consumidores.

Con respecto ao número de reclamacións, ao longo de 2012 na OMIC tramitáronse un total de 1.664, un 24% máis que en 2011. Por sectores, destacan as reclamacións pertencentes ao sector de telefonía móbil, fixa e Internet cun 58% mentres que un 18% pertencen a electricidade. Das reclamacións presentada e tramitadas, 518 resolvéronse favorablemente, 152 remitíronse á Xunta Arbitral e 718 se teñen derivado a outros organismos e outras OMICS por motivos de competencia. O órgano que recibiu maior número de traslados foi o Instituto Galego de Consumo con 565 expedientes.

As mediaciones

Unha das tarefas máis relevantes da actividade da OMIIC consiste na mediación: a tramitación e resolución das reclamacións mediante o acordo das partes para a resolución do conflito de forma voluntaria. Do total das reclamacións presentadas, un 69% (1.144) foron tramitadas a través deste sistema de mediación e delas un 45,3% (518) obtiveron un resultado positivo. Os sectores de telefonía móbil, eléctricas, telefonía fixa e transporte aéreo foron as que recibiron máis propostas de mediación. En canto aos resultados máis positivos foron para telefonía fixa e Internet. Este procedemento é un dos trámites máis demandados para a resolución de conflitos entre consumidores e empresarios. De feito, durante os últimos catro anos o número de expedientes resoltos a través da mediación incrementouse nun 71%.

No que respecta ao modo de acceso á OMIC, o 44% das consultas realizouse de xeito persoal, o 36% a través do teléfono e o 20% por medio do correo electrónico. As consultas a través do correo electrónico incrementáronse nos últimos catro anos nun 96,7% pasando de 177 a 5.491. En canto ao perfil do usuario que acode á OMIC trátase dunha muller de entre 40 e 59 anos con estudos básicos

Campañas e actividades

Ao longo de 2012 a OMIC desenvolveu diferentes campañas e actividades en materia de consumo, entre as que destacan, ademais de campañas informativas as accións formativas que se englobaron a través de catro programas: Coruña Educa, actividades para centros cívicos e asociacións, talleres para adultos e a Escola de Verán.

Ao longo de 2012 polo Coruña Educa pasaron un total de 5.747 alumnos e 47 centros educativos mentres que nas sesións formativas nos centros cívicos se desenvolveron un total de 37 talleres en 9 centros, cunha suma de 524 participantes. En canto aos programas formativos para adultos impartíronse 7 talleres na propia OMIC polos que pasaron 75 persoas mentres que na Escola de Verán se impartiron 74 talleres polos que pasaron 200 alumnos. Ademais, no programa de visitas aos mercados municipais impartíronse sete talleres polo que pasaron 190 participantes. En total, polos programas educativos da OMIC pasaron 6.736 participantes e impartíronse 398 talleres.

7 de marzo de 2013 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.