A OMIC celebra o Día Mundial do Consumidor cunha visita dos escolares aos mercados municipais
Con motivo da celebración do Día Mundial do Consumidor, que se celebra mañá, 15 de marzo, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) organizou unha visita aos mercados na que participan 75 escolares de varios centros educativos onde seis educadores explicarán os nenos diversas cuestións sobre consumo responsable, como:
> Comprensión da etiquetaxe.
> Comprensión dos símbolos.
> Valorar a influencia da publicidade.
> Pagamentos e cambios.
> Comercio xusto e alimentos ecolóxicos.
> Reclamacións: como se xestionan.
> Reciclaxe e ecoloxía.
Paralelamente, dende a OMIC convócase un concurso de debuxo e fotografa entre os nenos dos colexios participantes, polo que os escolares que o desexen poderán levar unha cámara de fotos e tomar imaxes do mercado que logo concursarán, ou ben, levaranse unha lámina onde debuxar o aspecto que máis lles chamase a atención. O obxectivo desta actividade é que os menores, que teñen entre 10 e 12 anos, aprendan a consumir e a comprar con criterio.
Unha vez finalizado o concurso, os traballos presentados expoñeranse nos mercados municipais de San Agustín, Elviña e praza de Lugo, para que as familias e todos os que accedan ao mercado poidan visitalos. A actividade realizarase en horario de 10.00 a 12.00. Os colexios de Infantil e Primaria participantes son os centros de Zalaeta, Wenceslao Fernández Flórez e Labaca, que visitarán, respectivamente, os mercados municipais de San Agustín, Elviña e a praza de Lugo.
INFORMACIÓN E ASESORAMENTO
Nesta xornada de celebración contarase coa colaboración das diferentes asociacións de consumidores da cidade que, de 09.00 a 14.00 horas no Obelisco, atenderán a todos aqueles consumidores que desexen ser asesorados sobre os seus dereitos e obrigas. Participarán a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios; a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia (ADICAE); e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña. (COETICOR).











