A Oficina Turística de Ribadumia permanecerá aberta durante toda a Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia abre a Oficina de Turismo Municipal durante toda a Semana Santa e amplía o horario de atención desde o xoves ao domingo, co obxectivo de facilitar toda a información que precisen os visitantes que se acheguen ata o municipio nestes días. Así, o horario de atención será desde o luns e ata o mércores en horario de 11:00 a 14:00 horas, mentres que entre o xoves e o domingo a Oficina de Turismo estará aberta de 10:15 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas. O luns 9, festivo local e día de peregrinaxe á Armenteira, a oficina permanecerá a disposición dos visitantes de 10.15 a 14.00 horas.

Desde o Concello de Ribadumia, a alcaldesa Salomé Peña destaca que a Oficina de Turismo Municipal estará atendida por persoal cualificado e especializado que se encargará de recibir as demandas de aquelas persoas que desexen coñecer máis sobre o municipio, sobre as súas rutas, o seu patrimonio e as súas áreas de lecer. Ribadumia contará este ano cun bolseiro de turismo para atender as tarefas de asesoramento e información na Oficina Municipal durante seis meses, grazas á convocatoria de bolsas por parte da Deputación de Pontevedra.

A Oficina de Turismo Municipal de Ribadumia está situada na entrada ao concello, na rotonda dos Castaños e fronte a unha das rutas máis visitadas do municipio.

Destino verde e patrimonial

A Ruta da Pedra e da Auga, da que forman parte os muíños de Barrantes, é un dos principais atractivos turísticos do concello. Espérase que sexan moitas as persoas que percorran a senda que une Barrantes coa Armenteira durante esta semana, con especial presencia o luns de Pascua, día no que se celebra a festividade das Cabezas.

Pero non é o único atractivo. Desde o Concello de Ribadumia, inclúen todas as áreas verdes e recreativas municipais, promocionándose como destino verde e patrimonial. Así, a proposta é percorrer o paseo fluvial entre as pontes de Barrantes e Pontearnelas, e facer parada na Carballeira de Ribadumia e nos muíños do Batán, así como disfrutar da tradición de Pontearnelas e da Ponte dos Padriños; acceder ata o casco urbano de Barrantes e pasear polo centro; achegarse ata o Monte do Castro, xacemento arqueolóxico da idade de ferro; ou disfrutar de todo o patrimonio recuperado e localizado polo municipio: muíños de Lois e de Sisán; fontes e lavadoiros…

Novo material turístico

O Concello de Ribadumia conta con novos folletos turísticos que recollen todos os recursos municipais dun xeito moderno e atractivo. O novo material reeditouse coa colaboración do Patronato Rías Baixas e conta cunha tirada de 6.000 exemplares. Con esta reedición dos folletos, mellora a imaxe turística municipal, amplía a información para o visitante, xa que inclúe os novos recursos turísticos da localidade, e potencia a imaxe fronte ao texto, cun deseño no que priman a calidade e funcionalidade. Así, incorpóranse no folleto información sobre o xacemento arqueolóxico do Monte do Castro ou o paseo fluvial de Barrantes a Pontearnelas.

25 de marzo de 2013 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.