A Laracha saca a licitación o contrato de limpeza de edificios públicos e instalacións municipais
O Concello da Laracha sacou a concurso público o novo contrato de limpeza de edificios, dependencias e instalacións de titularidade municipal.
Os pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas que rexerán o procedemento foron sometidos a ditame da Comisión Informativa de Réxime Interior, Personal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno, reunida hoxe baixo a presidencia do edil José Manuel Iglesias Rodríguez.
Unha vez aprobados ditos pregos, nos próximos días o anuncio da licitación será publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), abríndose nese momento un prazo de corenta días para a presentación das proposicións por parte das empresas interesadas.
É obxecto deste contrato a limpeza diaria da Casa do Concello, o novo edificio administrativo, a Casa da Cultura da Laracha, as bibliotecas municipais da Laracha e de Caión, os centros médicos da Laracha e Caión, o centro sociocultural de Paiosaco, os locais da Ínsua (Caión), a escola infantil A Galiña Azul da Laracha, o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, o CEIP da Fraga (escola unitaria de Soandres) a EEI de Cumiáns (escola unitaria de Montemaior), os pavillóns polideportivos de Caión e do IES Agra de Leborís e o campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco.
A duración do contrato será por un máximo de seis anos (catro máis outros dous prorrogables). O orzamento base de licitación supera o millón de euros (exactamente, 1.058.199,95 euros, IVE engadido) por todo o período, polo que o Concello da Laracha investirá anualmente máis de 175.000 euros na prestación deste servizo.











