A Laracha presenta á Xunta de Galicia o proxecto anual de servizos sociais
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na súa última reunión ordinaria, presentar á Consellería de Traballo e Benestar o proxecto anual para participar no programa de servizos sociais comunitarios da Xunta de Galicia.
A colaboración económica que se solicita por parte da administración autonómica contempla, por un lado, o financiamento dos custos derivados do mantemento en plantilla de parte do persoal adscrito ao departamento de servizos sociais. Tamén se inclúe neste plan a prestación do servizo de axuda no fogar, así como a xestión de programas específicos que desenvolve directamente o Concello, como o de apoio a colectivos con necesidades especiais, prevención e inclusión social e o apoio á convivencia, todos eles dirixidos a mellorar a calidade de vida dos veciños da Laracha –especialmente da terceira idade- e a evitar malos hábitos e condutas antisociais –prioritariamente entre os escolares-.
O proxecto elaborado polo departamento municipal de servizos sociais ten un orzamento total de 577.729,83 euros. Ao Concello da Laracha corresponderíalle achegar 200.000 euros, sendo a cantidade restante, uns 378.000 euros, a cifra que achega que se solicita con cargo a esta liña de axudas.
Nova concesión do punto limpo
A nova concesión da xestión das instalacións do Punto Limpo para os próximos seis anos, que incluirá a recollida a domicilio de voluminosos e de aceites domésticos, será adxudicada en próximas datas á Aspaber despois de que a Xunta de Goberno clasificase as ofertas presentadas e trala correspondente apertura de plicas realizada previamente por parte da mesa de contratación.
Os últimos trámites administrativos serán dar conta da clasificación das ofertas á Comisión Informativa de Comisión Informativa de Réxime Interior, Personal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno e, a continuación, proceder á adxudicación por parte do órgano competente, que é a Xunta de Goberno.
Licencias urbanísticas
Por último, foron concedidas tres licencias para obras maiores e outras seis para actuacións menores.
Entre as maiores, unha é para a construción dunha vivenda unifamiliar e outra corresponde á adaptación dunha parcela no lugar de Portodoso, parroquia de Soandres, para unha novidosa iniciativa privada, consistente na creación do que a entidade promotora denominou bosque animado.
O proxecto consiste no acondicionamento dunha área de 37.148 metros cadrados de superficie na que conservarán as árbores autóctonas de grandes dimensións, que articularán un espazo para deixar, no interior do mesmo ámbito, parcelas libres. A última finalidade é que esas parcelas libres poidan ser utilizadas para depositar as cinzas procedentes da incineración, sobre as que se propón plantar unha árbore en recordo dese ser querido.
Trátase dunha alternativa diferente ás tradicionais na que a natureza, as árbores e as plantas simbolizan o descanso, a paz e a tranquilidade.
A licenza solicitada pola entidade promotora ten por obxecto acometer o peche perimetral desa parcela –con vexetais e malla- e construír as instalacións internas necesarias para o desenvolvemento da actividade (aseos, almacén, etc.).
As esixencias especiais para evitar a propagación de incendios, tanto no interior como no exterior da parcela, tamén están incluídas no proxecto.











