A Laracha destinará 146.500 euros ás subvencións de actividades culturais, deportivas e de formación
O Concello da Laracha publicará nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) as bases da convocatoria de subvencións municipais dirixidas a entidades culturais, deportivas, educativas, comisións de festas e deportistas individuais para o fomento da organización e realización de actividades ou actos considerados de interese xeral para a poboación do Concello a Laracha ao longo do ano 2013.
Na convocatoria deste ano o Concello da Laracha destinará 146.500 euros a esta liña de subvencións. O goberno municipal acordou manter un ano máis intactas as partidas reservadas para apoiar aos clubs, entidades e deportistas individuais e axustar a referida ás comisións de festas, que será reducida nun 25%. Así, ao mesmo tempo que se garante a colaboración económica e organizativa na celebración das diferentes festas patronais e parroquiais, a cantidade que se aforra permitirá incrementar a convocatoria de bolsas de estudos para o curso escolar 2013-2014 que, pasará a ter un fondo de 55.000 euros -cinco mil euros máis que no ano anterior-, cantidade xa consignada nos orzamentos.
Os cinco apartados de actuacións subvencionables que se recollen na convocatoria corresponden a:
– Promoción de actividades educativas: actuacións culturais ou deportivas a realizar nos centros educativos públicos da Laracha, ben polas Asociacións de Alumnos ou de Pais ou mesmo polos propios centros educativos.
– Promoción de actividades culturais: entendendo por elas calquera acción referida á conservación, promoción e divulgación dos valores culturais.
– Promoción de actividades deportivas: neste apartado inclúense as escolas deportivas, cursos, competicións, campus e todas as actividades relacionadas co fomento do deporte en xeral.
– Promoción de festexos populares: estas axudas cofinanciarán eventos realizadas por comisións de festas que teñan carácter tradicional e cultural.
– Deportistas individuais: a través desta achega económica, o Concello da Laracha pretende apoiar aos seus deportistas máis importantes cunha subvención para sufragar os gastos das viaxes ou da adquisición e o mantemento do seu material deportivo. Á hora da concesión da subvención, valoraranse os éxitos persoais de cada deportista en competicións en diferentes ámbitos xeográficos.
Unha vez sexan publicadas as bases da convocatoria no BOP, abrirase un prazo de 30 días naturais para que as asociacións, entidades, clubs e deportistas individuais que desexen optar a beneficiarse destas axudas municipais poidan presentar a súa solicitude.











