A galería de alcaldes democráticos de Ferrol incorpora o retrato de Juan Juncal

O rexedor descubrindo o retrato
O Salón de Plenos do Pazo Municipal de Ferrol ampliou hoxe a súa galería de retratos de alcaldes da etapa democrática coa incorporación do retrato de Juan Juncal, que presidiu a Corporación Municipal no período comprendido entre 2003 e 2007. O actual primeiro edil ferrolán, Jose Manuel Rey presidiu o acto institucional, ao que asistiron persoas que ostentaron cargos de responsabilidade na Administración ferrolá durante o mandato de Juncal.
Na súa intervención, Juan Juncal manifestou o seu desexo de compartir este momento “coa totalidade do equipo de persoas que tivemos responsabilidades de goberno durante o cuadrienio que fun alcalde”, entre as que se atopaba o actual rexedor Jose Manuel Rey. Así mesmo, agradeceu ao artista o cadro feito, e aproveitou para sinalar que, “pese a que vivimos tempos complicados e difíciles sempre é satisfactorio ter unha responsabilidade política e representar a túa cidade”, comentou o actualmente senador.
Pola súa banda, Rey Varela indicou que “a figura dun alcalde enténdese e valórase de maneira máis axeitada cando pasa o tempo; e agora entendo aínda máis que exercer o liderado dun goberno municipal é unha tarefa non exenta de dificultades”. O primeiro edil de Ferrol tamén subliñou que “a política nobre é a que defende os intereses xerais, e confío que aqueles que nos precedan na Corporación Municipal continúen pelexando polos intererses desta cidade”.
Coa incorporación este mediodía do retrato de Juan Juncal, a pinacoteca de Alcaldes de Ferrol suma o seu oitavo cadro. A colección intégrana ata o momento: Jaime Quintanilla Ulla e Mario Villaamil Pérez -pintados por Francisco Iglesias-; Alfonso Couce Doce e Manuel Couce Pereiro -ambos obra de González Collado-; Xaime Bello -retratado por Luis Mahamud- e Juan Blanco Rouco e Juan Juncal -pintados por Miguel Fernández y Fernández-.











