A fundación convoca as subvencións ao deporte federado
A Fundación Municipal de Deportes vén de convocar as subvencións para o Fomento do Deporte Federado e para a Organización de Actividades Deportivas Extraordinarias. As bases de ámbalas dúas convocatorias publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de onte, polo que prazo de solicitude abriuse hoxe, 20 de marzo, e rematará o día 8 de abril. Os formularios de solicitude xunto cos respectivos anexos poden obterse nas oficinas da Fundación ou imprimilos dende o taboleiro de anuncios da web municipal, onde tamén se poden consultar as bases que rexen as convocatorias.
Coas subvencións para o Fomento do Deporte Federado a Fundación que preside Elena Suárez Sarmiento pretende contribuír á promoción da actividade dos clubs e entidades deportivas locais de carácter federado, non mercantís, non profesionais e sen ánimo de lucro. O obxectivo destas axudas é colaborar no financiamento dos gastos correntes derivados da realización das actividades deportivas federadas dos colectivos de base, a efectos de que estes poidan alcanza-los seus obxectivos, dentro das competicións deportivas federadas nas que estean inscritos.
Poderán acceder a estas subvencións os clubs ou entidades deportivas federadas con sede social no municipio e que figuren inscritos no Rexistro da Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais do Concello e que cumpran os requisitos de ser entidade sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, estar federados nunha ou varias modalidades deportivas, desenvolver a súa actividade no municipio.
Eventos celebrados en 2012
As axudas para Actividades Deportivas Extraordinarias pretenden contribuír ao financiamento dos eventos puntuais que os clubs e entidades organizan no municipio e que, ademais de promocionar e fomentar o deporte local, favorecen a convivencia e o dinamismo da localidade. Estas subvencións tamén están destinadas ao pago de gastos correntes da actividade propiamente dita ou de gastos derivados da mesma, e poderán acceder a elas os clubs ou entidades deportivas con sede social no municipio, non mercantís, non profesionais e, consecuentemente, sen ánimo de lucro e que estean dadas de alta no rexistro da Fundación. A convocatoria das subvencións corresponde ao exercizo 2013, polo que as actividades ou eventos a subvencionar serán os celebradas en 2012.











