A exposición “O meu mar”, de Viki Rivadulla, no Pazo da Cultura até o 30 de marzo
A sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle a mostra “O meu mar”, da artista muxiá Viki Rivadulla. Titulada a partir dun poema de Gonzalo López Abente, recolle a través de 24 pinturas e 7 esculturas un mar “creador dunha eterna traxedia”, xa que esa traxedia, segundo a autora, está na base da identidade da tribo mariñeira, feita para resistir, vivindo ao límite, aprendendo a aproveitar a forza do mar e do vento. Sobre as características das obras, a maioría son acrílico sobre lenzo, aínda que Rivadulla tamén emprega a técnica mixta, tanto nas pinturas coma nas esculturas, a maioría feitas de arxila e madeira. Os interesados e interesadas poden visitar a exposición até o 30 de marzo, no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.











