A eurodeputada Ana Miranda visitará Monforte para explicar a repercusión da PAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, visitará o Concello de Monforte o vindeiro xoves 4 de abril para abordar co alcalde, Severino Rodríguez, dous asuntos prioritarios para Monforte e a Riberira Sacra.

Por un lado, a eurodeputada dará conta da situación na que queda Monforte en relación ao transporte de mercadorías por ferrocarril dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), que marcará a folla de ruta das grandes infraestruturas europeas para os vindeiros anos. Por outro, Miranda explicará a repercusión que a Política Agraria Común 2014-2020, recén aprobada pola Eurocámara, terá sobre o sector vitivinícola da comarca, en particular na produción amparada pola denominación de orixe Ribeira Sacra.

Miranda e Rodríguez manterán un encontro ás 11.00 horas  na casa do Concello e, as 12.00 horas, desprazaranse ata a sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra para reunirse coa directiva.

Tanto a eurodeputada nacionalista como o alcalde comparecerán ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa que terá lugar ás 17.00 horas na Casa do Concello, na que informarán sobre os asuntos tratados.

31 de marzo de 2013 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.