A Escola Municipal de Música Magariños organiza o III Festival de Música de Cámara
Os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños ultiman nestes días as súas participación no terceiro Festival de Música de Cámara “Fecam 2013”, que terá lugar este venres 22 de marzo no auditorio do centro social polivalente de Pedrouzos a partir das 20:30 horas. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.
O director da Escola Municipal de Música Magariños, Carlos Pintor, adianta que “a programación foi deseñada dun xeito moi heteroxéneo tanto en estilos coma en timbres, atendendo a oferta instrumental desta escola de música”. Por iso, Pintor está convencido de que “o programa do Festival de Cámara gustará a todos os públicos grazas ao esforzo e habilidades dos intérpretes da escola”.
Esta nova edición do FECAM 2013 chega despois do éxito acadado nas dúas edicións anteriores, onde encheron de público o auditorio do centro social polivalente. Isto fai que este festival estea acadando unha personalidade diferenciada dentro da programación do Concello de Brión, en xeral, e da Escola de Música Magariños, en particular.











