A empresa adxudicataria arranxa o firme da rúa Castiñeiro nos Tilos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+
Tarefas de mellora

Tarefas de mellora

A empresa adxudicataria dos traballos de reurbanización da rúa Castiñeiro nos Tilos, Indeza, estivo durante a xornada de hoxe arranxando o estado do firme. Trátase dun vial reformado dentro do FEIL no ano 2009 pero que dende hai un tempo presentaba desperfectos no aglomerado. A maiores tamén se detectaba zonas nas que encharcaba a auga nos días de choiva, unha deficiencia provocada pola mala execución dos traballos de aglomerado realizados no seu momento.

As conversas entre o Concello de Teo e a empresa que fixo os traballos de reurbanización deron como resultado que a firma Indeza asuma os traballos de arranxo que consistiron en volver a aglomerar. Segundo explica Rafael Sisto, concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, “houbo unha execución dunha parte dos traballos que non foi a axeitada, e fixo que o deterioro do firme nos últimos meses fora evidente ademais do problema das pozas de auga”. Sisto destaca a vantaxa de que a empresa faga a reparación dun xeito voluntario despois da petición do Concello “sen ter que chegar a outros procedementos como a vía xudicial, sempre moito máis lenta”. As conversas coa empresa “deron como resultado que hoxe se estea amañando a vía” destaca o edil.

No último pleno do mes de febreiro aprobábase unha moción do PSOE na que se citaba o estado desta carretera, que os traballos desta xornada deixan solucionados. O asfaltado da rúa Castiñeiro formaba parte dos traballos de reurbanización da zona que tiveron un orzamento de 470.000 euros xa que recollían unha actuación ampla na zona. Estes traballos referíanse ó acondicionamento da praza do Centro Comercial, ensanchamento de beirarrúas, colocación de mobiliario urbano novo…

4 de marzo de 2013 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.